Comedia, autoficción e danza para facer desfrutar ao público este sábado en Tomiño

Comedia, autoficción e danza para facer desfrutar ao público este sábado en Tomiño O auditorio de Goián acolle o espectáculo ‘Baila agora’, de Marta Alonso Tejada. Será ás 21.00 horas para público maior de 16 anos

O Concello de Tomiño continúa cunha oferta cultural de calidade deseñada para o desfrute do público adulto os sábados  e para público familiar e infantil os domingo. Esta fin de semana chegan novas propostas, unha delas ‘Baila agora’, a primeira peza escénica da bailarina Marta Alonso Tejada, unha orixinal combinación de comedia, autoficción e danza gañadora do premio Espectáculo Revelación en Galicia no ano 2021 e de numerosos galardóns como o María Casares nos que se destaca a orixinalidade da linguaxe, da interpretación e da iluminación.

Alonso subirá ao escenario do auditorio municipal de Goián para facer gozar ao público desta sorte de imperativo cara ao posicionamento no presente social e persoal a través da danza. Un impulso que leva a todas as persoas asistentes a situarse no tempo actual, no afecto e na emoción do que están a compartir aquí e agora bailando. A danza, o humor e a proximidade co público xeran unha atmosfera particular do cotiá, do natural, do común e do esperanzador que se comparte na escena.

Dirixido a público maior de 16 anos, ‘Bailar agora’ é unha historia dunha bailarina que nace e medra nas décadas dos 80 e 90 e que amosa cunha orixinal linguaxe escénica os sacrificios que implican ter unha traxectoria profesional nunha arte tan esixente no físico como a danza, xa que nada é suficiente para eludir o declive prematuro dos e das profesionais desta disciplina.

“Con actuacións como esta damos cabida na nosa programación cultural á danza, que para nós é unha arte escénica importante, e creamos espazos nos que o público pode achegarse dun xeito sinxelo e cómodo a esta e outras disciplinas”, como salienta a alcaldesa, Sandra González.

A obra comezará ás 21.00 horas e a entrada terá un prezo de 5 euros.