Tomiño continúa coa loita contra o depósito indebido de residuos

Tomiño continúa coa loita contra o depósito indebido de residuos Nos últimos meses producíronse numerosas incidencias por depósito de residuos fóra dos colectores, abandono de voluminosos en lugares públicos e verteduras incontroladas

O Concello impuxo xa 6 sancións por diferentes causas tras abrir as investigacións pertinentes

O Concello de Tomiño continúa coa súa campaña para fomentar o depósito correcto de residuos entre a veciñanza e loitar contra as malas prácticas no uso dos colectores, no desbote de voluminosos ou mesmo contra as verteduras incontroladas de lixo.

Dende hai meses, en diferentes puntos do municipio levan aparecendo voluminosos e residuos en xeral depositados fóra do lugar que lle corresponde, o que pode carrexar problemas de salubridade e limpeza, xa que o lixo depositado na rúa produce malos cheiros e atrae animais que o removen e espallan. Este feito altera gravemente o traballo de recollida por parte do persoal municipal encargado da recollida, que ademais do seu labor habitual ten que localizar e recoller residuos ciscados fóra de lugar.

Con cada depósito irregular atopado, o Concello inicia unha investigación para detectar ás persoas que cometen as infraccións e que poden supoñer multas de ata 3.000 euros. Neste camiño de rematar coas verteduras fóra de sitio, dende o ano 2022 o Concello puxo ata seis sancións por diferentes causas. As multas foron dende os 100 euros por depositar no contedor de restos residuos que deberían estar noutras faccións ata os 300 euros por depositar cartóns e plásticos no chan a carón dos colectores en lugar de no seu interior.

Dende o Concello lémbrase que existe un servizo gratuíto de recollida porta a porta de residuos voluminosos ou especiais que non poden ser depositados nos colectores, ademais de contar cunha decena de puntos verdes para a xestión de restos leñosos de poda. “Se entre todos e todas empregamos as canles axeitadas para desfacernos do lixo, evitaremos situacións como as que nos atopamos cada semana e que nos indignan a todas e todos”, salienta a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

Para utilizar o servizo de recollida, as persoas interesadas soamente deben chamar ao teléfono 986 622 001 e nel recibiranse as indicacións de día e horario de recollida. O volumisoso debe colocarse ao carón da porta ou do portal do propio domicilio, sen invadir a vía pública. Ningún residuo, e menos os voluminosos, deben ser depositados ao lado dos colectores de lixo, xa que, en moitas ocasións dificultan a recollida normal.

“Traballamos día a día para mellorar o servizo de recollida do lixo e facilitar a veciñanza que se desfagan dos restos, un camiño que pasa por concienciar a todas as tomiñesas e tomiñesas sobre a importancia de xestionar de xeito correcto os nosos residuos. Se a veciñanza ten dúbidas, pode porse en contacto co departamento de Medio Ambiente.”, recalcou a concelleira.

Dende o Concello agradécese o labor de todos os veciños e veciñas que cada día fan un esforzo para realizar unha correcta xestión dos seus residuos, facendo de Tomiño un municipio concienciado, limpo e máis sostible.