Tomiño celebra a Semana do Medio Ambiente cunha homenaxe á biodiversidade

Tomiño celebra a Semana do Medio Ambiente cunha homenaxe á biodiversidade O Concello organiza ao abeiro de ‘Tomiño Natural’ actividades para todas as idades con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente

Tomiño prepárase un ano máis para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente que se conmemora o 5 de xuño cunha morea de actividades para toda as idades coas que gozar da natureza, aprender e colaborar coa preservación do medio. O Concello organiza unha intensa Semana do Medio Ambiente, ‘Tomiño Natural’ centrada na biodiversidade e na importancia da conservación das especies para que os ecosistemas manteñan o seu equilibrio natural, “unha responsabilidade compartida entre todos e todas para garantir a vida e a economía futura”, como sinala a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

A Semana do Medio Ambiente arrancou cun roteiro deseñado para coñecer as árbores senlleiras do Concello de Tomiño, un percorrido con dificultade baixa que permitiu a todas e todos os participantes aprender máis sobre a contorna natural cunha visita guiada da man de ‘Onde viven os contos’.

Natureza e arte camiñarán tamén da man esta semana coa exposición ‘Suso Cubeiro: debuxos, natureza e lendas’, unha mostra que se poderá ver no Mercado de Tomiño ata o vindeiro 9 de xuño na que ademais das obras do artista tomiñés o público atopará un receitario a prol da biodiversidade con varias claves para protexer a nosa contorna natural.

Será da man do propio Suso Cubeiro que os pequenos e pequenas poderán aprender a debuxar aves con dous obradoiros infantís nos que nenos e nenas traballarán nunhas nocións básicas do debuxo de paxaros. Será en dúas quendas: a primeira o mércores 5 de xuño ás 17.00 horas nos soportais do Mercado de Tomiño e a segunda o domingo 9 ás 17.00 horas na PrazaCultura de Goián ao abeiro da XIX Feira de Cultivos do Baixo Miño. Os talleres terán prazas limitadas e será imprescindible inscribirse a través dos formularios habilitados na web municipal.

As actividades da Semana do Medio Ambiente rematarán cun novo obradoiro na Feira de Cultivos o sábado 8 ás 11.00 horas. Conducido pola Asociación Naturalista Baixo Miño, Anabam, a actividade vai dirixida a nenos e nenas acompañadas e contará con prazas limitadas. As persoas interesadas poden inscribirse xa a través do formulario habilitado na web da Feira de Cultivos do Baixo Miño.

Ana Belén Casaleiro destaca que a Semana do Medio Ambiente, ‘Tomiño Natural’ “é unha oportunidade única para concienciar á veciñanza sobre a importancia da biodiversidade e a conservación de especies. Queremos que tento maiores como infancia e mocidade gocen de experiencias educativas e divertidas, aprendan sobre a nosa contorna natural e colaboren na súa preservación”.