Cooperación e aprendizaxe en Italia

Cooperación e aprendizaxe en Italia Tomiño participou na visita de estudo de EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño ao GAL del Ducato

Ollar cara a Europa para seguir aprendendo doutros territorios rurais. Ese era o obxectivo da visita de estudo realizada por unha delegación de EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño a Italia, tres xornadas nas que coñecer a fondo o traballo do Gruppo de Azione Locale del Ducato (GAL del Ducato) para achegarse a boas prácticas, recoller novas experiencias e inspirarse para seguir crecendo e innovando no rural.

A delegación galega, composta por alcaldesas, alcaldes, edís e persoal técnico, coñeceron de primeira man experiencias de desenvolvemento económico, turístico e social nunha zona vitivinícola de gran parecido co territorio e “estreitamos novos lazos para promover a cooperación europea e o intercambio de información e experiencias”. “É moi importante coñecer proxectos financiados polo Leader noutras rexións e mergullarse nas estatexias que están a realizar noutros lugares como a do GAL de Ducato, centrada en desenvolver os puntos fortes do territorio, combater o despoboamento e promover o territorio tanto en Italia como no exterior”, salientou a presidenta de EuRural, Sandra González.

Xunto con González, nesta visita de estudo participan autoridades dos 14 concellos que conforman o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, como o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira; o rexedor de Pazos de Borbén, Luciano Otero; a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís; e o rexedor de Tui, Enrique Cabaleiro; así como os edís Sheila González, de Baiona; Rocío Goberna, de Gondomar; Leo Costas e Julia Loureiro, de Mos; Beatriz Rodríguez, do Rosal; Silvia Cernadas, de Soutomaior; e Ana Núñez, de Tui.

Foron tres días cun programa intenso de visitas nos que se coñeceron case unha decena de proxectos e iniciativas que reforzaron a importancia da cooperación e a aprendizaxe conxunta, tamén dentro do propio territorio. Así, a viaxe de estudo permitiu seguir estreitando lazos entre os 14 concellos integrantes do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e ratificar a idea de pensar de forma conxunta para acadar o maior éxito no desenvolvemento sostible do territorio. Un territorio moi rico e con moita diversidade de oferta, pero que “debe centrar a súa estratexia de crecemento en dous ou tres fitos principais, apostando por ir crecendo da man e ofrecer produtos e experiencias de calidade, para o que tamén é imprescindible contar con capital humano formado e cualificado”.

A importancia da cooperación con outros territorios foi outra das aprendizaxes traídas de volta na maleta. Para a delegación, a viaxe demostrou a utilidade de coñecer outras realidades e identificar boas prácticas que se poden aplicar no territorio. Unha cooperación que continuará co GAL del Ducato, co que se inicia un proceso de colaboración que se agarda dea os seus froitos en forma dun proxecto conxunto vinculado á produción, transformación e comercializaciónd e produtos de calidade de ambos os dous territorios, eliminando intermediarios e centrando a promoción nos produtos e na venda directa.