Tomiño creará un calendario anual de xeito participativo

Tomiño creará un calendario anual de xeito participativo

Xa está en marcha o I Concurso de Fotografía en plano detalle-paisaxe, un certame co que se buscarán as imaxes que formen parte dun almanaque de 2025 que se repartirá entre a veciñanza

O Concello quere levar cada recuncho de Tomiño aos fogares de veciños e veciñas. Por este motivo, lanza a primeiro Concurso de Fotografía en plano detalle-paisaxe, un certame que busca recoller imaxes que capturen a esencia do municipio para confeccionar un orixinar calendario que será distribuído entre a veciñanza este Nadal.

“A fotografía é a mellor xanela dende a que observar as vistas dun territorio”, destaca a alcaldesa, Sandra González, que lembra que este almanaque participativo “é unha oportunidade para dar difusión á identidade do noso municipio dende tantos puntos de vista diferentes como olladas a través da cámara”.

As persoas participantes poderán enviar imaxes de paisaxes, pero tamén fotografías cun plano detalle que capturen instantes ou peculiaridades da xente, costumes, curiosidades, actividades, festas tradicionais… sempre de Tomiño. As imaxes poden tamén estar vinculadas ás diferentes estacións do ano.

Trátase dun xeito participativo de elaborar este calendario, dando a quen o desexe a oportunidade de colaborar achegando as súas fotos. Deben ser imaxes orixinais, non presentadas antes a concurso e sen sinatura nin marca de auga, en cor ou branco e negro, de entre 20×28 e 40×50 e estar acompañadas dun título cun breve texto expositivo.

Cada participante deberá presentar un máximo de dúas fotos e a solicitude de inscrición recollida nas bases cumprimentada e asinada ben a través do correo electrónico cultura@tomino.gal, no Rexistro do Concello ou a través de Sede Electrónica. O prazo de presentación de propostas remata o 5 de novembro de 2024.

Un xurado composto por persoas do Goberno municipal e persoal do Concello asistido por persoas expertas escollerán as fotos gañadoras tendo en conta a mensaxe, a composición, a técnica e a orixinalidade. O concurso non terá contraprestación económica, senón que o premio será integrar o calendario e pasar a formar parte do banco de imaxes do Concello co correspondente recoñecemento de autoría.

“Con este concurso queremos subliñar a importancia de poñer en valor o noso territorio e o noso patrimonio ao tempo que fomentamos a creatividade entre os nosos veciños e veciñas. Estamos desexando ver as propostas que nos chegan”, recalcou a alcaldesa.

Entra aquí para ver as bases completas do concurso.