Tomiño moderniza a súa plataforma de xestión de incidencias

Tomiño moderniza a súa plataforma de xestión de incidencias A App Meu Concello contará coas mesmas funcionalidades que a aplicación actual pero cun aspecto máis actual

A Liña Verde deixará de funcionar o martes 11 pola tarde e a nova plataforma estará dispoñible dende o mércores 12 ás 08.00 horas

No seu compromiso por achegar os servizos municipais á veciñanza dun xeito doado e directo, o Concello de Tomiño moderniza a súa plataforma de xestión de incidencias. Dende este mércores 12 de xuño ás 08.00 horas entrará en funcionamento a App Meu Concello, unha plataforma que substituirá á actual Liña Verde e que, aínda que contará coas mesmas funcionalidades, presentará un aspecto máis renovado, fresco e actual.

A plataforma Liña Verde deixará de estar operativa o martes pola tarde e unhas horas despois a app Meu Concello estará dispoñible para descargar de forma totalmente gratuíta en Google Play ou a APP Store ou para acceder a ela a través da web https://tomino.meuconcello.com.

Unha vez descargada a aplicación ou que se accede á web, a persoa usuaria debe seleccionar o municipio sobre o que quere reportar a incidencia. A partir de aí o procedemento é sinxelo: basta con premer o botón de ‘Nova incidencia’ e a categoría da incidencia a comunicar, achegar unha fotografía e unha observación sobre a mesma. Unha vez enviada, o persoal do Concello recibe a notificación e inicia os trámites para solucionar a incidencia. Ademais de facer un seguimento das cuestións reportadas, a persoa usuaria tamén poderá acceder a información propia do municipio e a comunicacións en tempo real de novas e alertas.

Como salienta a alcaldesa, Sandra González, “a renovación desta plataforma, tamén deseñada por Liña Verde, representa un fito significativo na nosa estratexia de modernización e axilización dos servizos municipais. Queremos ofrecer á veciñanza ferramentas que faciliten a interacción cos servizos públicos e nos permitan realizar unha xestión máis eficiente das incidencias ao tempo que facemos de Tomiño un concello máis conectado e accesible para todas as persoas”.

A Liña Verde contaba cunha grande acollida por parte da veciñanza que se agarda se traslade á app Meu Concello. Dende a súa posta en marcha en 2020, esta canle dixital de comunicación co Concello acumula máis de 2.400 usuarios e usuarias e recibiu máis de 15.000 incidencias das que máis do 93% están resoltas. A pesar de que a app Liña Verde deixará de estar operativa, as incidencias comunicadas ata o último momento seguirán tramitándose seguindo as canles habituais, xa que se integrarán na nova plataforma para que o persoal municipal realice a súa xestión.

O concelleiro de Obras e Novas Tecnoloxías, Alexandre Pérez, anima a toda a veciñanza a empregar esta nova plataforma “e seguir crecendo no emprego dun sistema que nos permite dixitalizar, organizar e sistematizar unha gran cantidade de información e as tarefas dos equipos de traballo municipais, incrementando a eficiencia na resolución de calquera problema que poida xurdir en diferentes áreas”.

A renovación da aplicación está financiada con fondos Next Generation EU a través das subvencións destinadas á transformación dixital e modernización das administracións de entidades locais no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia xestionadas pola Deputación de Pontevedra para os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.