O ilusionismo enfeitizará ao público no I Festival de Maxia de Tomiño

O ilusionismo enfeitizará ao público no I Festival de Maxia de Tomiño Do 21 ao 29 de xuño, prazas, rúas e parroquias tomiñesas converteranse no epicentro da maxia

Tomiño prepárase para desfrutar de ilusionismo en estado puro. Chega o I Festival de Maxia de Tomiño, un evento de balde para toda a familia organizado pola Asociación de Maxia do Baixo Miño – Miñomáxico en colaboración co Concello que reunirá a algúns dos mellores magos e magas do panorama nacional e internacional. Do 21 ao 29 de xuño, Tomiño encherá de maxia as súas prazas, rúas e parroquias, ofrecendo unha experiencia inesquecible para veciñanza e visitantes.

O festival que contará coa presenza do tomiñés Samuel Moreno, semifinalista de Got Talent España 3 e que presenta unha proposta chea de maxia moderna, fresca e xuvenil coa que sorprender ao público. Tamén participará Edu El Mago, capaz de facer imaxinar o imposible e pasar un momento único; Sara Rodríguez, que racha cos estereotipos tamén a través dos seus espectáculos; e Roberto Lolo,  un showman polifacético ao servizo da maxia e o entretemento.

Pero non só estes profesionais serán os encargados de facer maxia, xa que os nenos e nenas de Tomiño crearán o seu primeiro maletín de maxia para poder mergullarse no mundo do ilusionismo. Será un festival para ilusionar, abraiar e lembrar.

O festival arrancará coa ‘Maxia nas parroquias’, tres xornadas estes xenios do ilusionismo visitarán diferentes puntos de Tomiño. O venres 21 de xuño despregarán a súa maxia a partir das 22.00 horas no Centro Cultural de Estás, mentres que o sábado 22 estarán ás 12.00 h no Centro Cultural de Tebra e ás 19.00 horas no Centro Cultural de Sobrada.

A maxia continuará xa o 28 e 29 de xuño cunha morea de actividades, unha programación variada e emocionante deseñada para todos os públicos. De arranque, sesión formativa co taller ‘O teu primeiro maletín de maxia’, unha oportunidade para que os pequenos e pequenas descubran os segredos mellor gardados polos magos e magas e dean os seus primeiros pasos no marabilloso mundo do ilusionismo. Será o venres 28 ás 17.00 horas no Mercado de Tomiño con prazas limitadas. É necesaria inscrición previa a través de https://linktr.ee/minhomaxico.

O mesmo venres ás 19.00 horas será a quenda da ‘Maxia de preto’, un espectáculo exclusivo no que as persoas asistentes poderán vivir a maxia en primeira persoa, a escasos centímetros das e dos mellores magos. Realizaranse tres pases de 20 minutos cada un para o desfrute do público.

Xa o sábado 29 chega a maxia sae á rúa, convertendo ás prazas tomiñesas en escenarios únicos con artistas que ofrecerán diferentes tipos de maxia para diferentes tipos de público. As citas serán ás 12.00 horas na Praza da Mina, ás 17.00 h na Praza do Seixo e ás 19.00 horas na Praza Pintor Antonio Fernández de Goián.

A festa da maxia rematará no auditorio municipal de Goián con ‘Gala de escena’, un espectáculo no que os mellores magos do panorama nacional e internacional presentarán os mellores xogos de maxia nunha gala única e inesquecible. Entrada de balde ata completar aforo.