A ópera como instrumento de inclusión no IES Antón Alonso Ríos

A ópera como instrumento de inclusión no IES Antón Alonso Ríos Alumnado de 2º da ESO participou no Proxecto LÓVA creando a súa propia ópera musical, que representarán este mércores 19 de xuño ás 19.30 h no auditorio municipal

A ópera como vehículo de aprendizaxe. Ese é o obxectivo do Proxecto LÓVA do Teatro Real de Madrid, unha iniciativa na que se embarcou de pleno este curso o alumnado do IES Antón Alonso Ríos e que a través da creación e representación dunha obra de teatro musical ofreceu unha experiencia inclusiva e plural da educación como instrumento de integración e desenvolvemento das capacidades individuais e colectivas.

Con este obxectivo naceu Escénico Pánico, unha compañía de ópera formada por un grupo de estudantes de 2º da ESO que foi quen de escribir o libreto, preparar a escenografía, deseñar e montar iluminación e efectos especiais, compoñer música e letras e mesmo encargarse da produción, rexiduría, comunicación e documentación do proxecto. Un traballo interdisciplinar que a través da programación de diferentes materias permitiu integrar as necesidades de produción e creación da obra.

O resultado é un proxecto común que rematará nunha representación dunha obra propia e única na que todas e todos os alumnos participaron sen exclusións. Un labor de aprendizaxe por proxecto que abriu a aula ás emocións, ao esforzo compartido e ao descubrimento e aceptación de todas as capacidades.

Tras estrear a obra ante o alumnado e o profesorado do IES Antón Alonso Ríos, a compañía súbese agora ao escenario do auditorio municipal de Goián para abrir a súa ópera a todos os públicos. A representación será este mércores 19 ás 19.30 horas con entrada de balde para familiares, amigas e amigos e toda aquela persoa que se queira achegar e desfrutar dun bo rato de lecer.