O Concello de Tomiño denuncia a subida dun 33.3% do canon de Sogama e a deficiencia no servizo de recollida de residuos

A subida do canon de Sogama impulsada pola Xunta de Galicia suporá un aumento de máis de 90.000 euros para os veciños e veciñas de Tomiño

Dende o Concello de Tomiño promoverase un novo modelo de xestión dos residuos baseado no tratamento local e no cumprimento das normativas ambientais

 O Concello de Tomiño quere expresar a súa profunda preocupación e rexeitamento ante a recente proposta da Xunta de Galicia de incrementar nun 33,3% o canon de Sogama para o tratamento de residuos. Este aumento suporá un incremento de máis de 90.000 euros anuais, como mínimo, no gasto para os veciños e veciñas de Tomiño. Sogama ven de comunicar aos concellos galegos que este ano aplicará un canon de 88€/t pola xestión dos residuos, cando o ano pasado era de 66€/t. Este canon será de aplicación no 2024 e non se sabe cal aplicarán no 2025, aínda que se prevé que continue incrementándose.

Este incremento de costes de Sogama para os Concellos evidencia o fracaso do modelo impulsado pola Xunta desde hai 25 anos. Un modelo centralizado que está baseado na necesidade de alimentación da central incineradora de Cerceda con toneladas de residuos, incumprindo as normativas europeas de reciclaxe e que non fomenta o tratamento local dos residuos. Por todo isto, dende o Concello, tal como manifesta a Alcaldesa, Sandra González, “estamos a traballar nun novo modelo da xestión dos residuos que comezará a implementarse no 2025 e que terá como obxetivo a reducción ao mínimo dos envíos a Sogama. É fundamental un cambio de paradigma para garantir a sustentabilidade económica e ambiental do servizo”.

Alén diso, dende o goberno municipal sinalan a deficiencia no servizo de recollida de residuos que presta Sogama ao longo das últimas semanas, toda vez que limitou a descarga dos residuos recollidos en Tomiño nas súas plantas de transferencia do Rosal e do Porriño. A situación destas plantas está provocando atrasos na recollida e acumulación dos residuos nas rúas, o que non só supón un aumento da insalubridade senón tamén un incremento nos custos operativos para o Concello e para a empresa que presta o servizo.

Por todo isto, a alcaldesa ven de enviar unha carta de queixa á Xunta de Galicia esixindo a solución inmediata da mencionada problemática e manifesta que “hai un deterioro evidente na calidade do servizo que é resultado dunha ausencia de planificación e de boa xestión, unha situación que é aínda máis preocupante cando se está anunciando de xeito paralelo o seu encarecemento”.