Os Teixugos, segundo mellor club na IV Copa Galega de Promoción de Slálom en Dumbría Os deportistas leváronse nesta competición tres ouros, unha prata e un bronce

Os Teixugos seguen a recoller éxitos alá onde van, conseguindo o pasado sábado facerse con varias medallas e rematar en segunda posición na clasificación final por clubs da Copa Galega de Promoción en Dumbría.

En canto á participación do club, que estaba formada por quince pequenos e pequenas deportistas, tamén rematou con grandes resultados a nivel individual, rematando a xornada con tres ouros, unha prata e un bronce.

A encargada de abrir a competición foi Nerea Álvarez, na categoría de C1 Infantil, conseguindo acadar finalmente o cuarto lugar.

No que respecta ao K1 Infantil Masculino, este tivo moita representación do club; Iván Cruz rematou cuarto, Izan Vicente, sexto, Alejandro Barreiro, sétimo, Leo Álvarez, noveno e Xián Pérez décimo.

 En K1 Benxamín Masculino, Roque Olveira foi o gañador da proba, conseguindo unha medalla de ouro, e o seu compañeiro Brais Vicente quinto.

 Na categoría de K1 Alevín Masculino, Lois Montenegro acadou a medalla de bronce e Martín Vicente foi sétimo.

 En K1 Infantil Feminino, Leila Álvarez conseguiu a medalla de prata ao rematar segunda, Nerea Álvarez foi cuarta, Catalina Sánchez sétima e Beatriz Sánchez oitava.

 No relativo a Alevín Feminino, Rita Olveira gañou con claridade, acadando a medalla de ouro.

E xa a última medalla da xornada foi para a teixuguiña máis nova, Iria Álvarez, que rematou en primeira posición na categoría de K1 Prebenxamín Feminino.

 Deixando a un lado os bos resultados obtidos, sen dúbida a principal finalidade destas competicións é a promoción deste deporte e fomentar a actividade física entre os máis novos, unha lección que ben seguro aprenderon os quince nenos e nenas do Club Deportivo Miño que se desprazaron ata Dumbría.