Tomiño e Cerveira xa están preparados para acoller o Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández Esta actividade terá lugar este domingo 18 de agosto, e aqueles interesados poden inscribirse ata o día 16 ás 14.00h na web da Eurocidade Cerveira-Tomiño

As rúas de Goián e Cerveira xa están desexando volver a encherse de cabaletes, lenzos e cor co XII Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández. Organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño coa colaboración da Fundação Bienal de Arte de Cerveira e da Comunidade de Montes de Goián.

Este domingo 18 de agosto os e as amantes desta disciplina artística poderán deixar voar a imaxinación e recoller en vivo e en directo as paisaxes ou o acontecer dos distintos puntos marcados nos percorridos a ambas beiras do Miño. E aqueles que non gocen deste talento, poderán achegarse a observar o desenvolvemento das obras, nunha xornada que estará cargada de arte e diversión.

Aqueles interesados en participar aínda teñen a última oportunidade para inscribirse de forma gratuíta  ata este venres 16 ás 14.00h a través da páxina web da Eurocidade Cerveira-Tomiño. A inscrición non estará permitida o propio día do concurso de xeito presencial, senón que será unicamente en liña. As persoas participantes deberán presentarse o día do certame entre as 09.30 e as 11.30 horas (08.30 e 10.30 horas de Portugal) na Aula Museo Antonio Fernández para que a organización numere o soporte que se empregará para a elaboración do cadro.

Xa pola tarde, tanto os artistas como aqueles que queiran ver as obras rematadas poderán achegarse á Praza Pintor Antonio Fernández, onde se realizará unha exposición entre as 17.00 e 18.00, hora galega. Pola parte, o xurado cualificará os traballos e emitirá o seu fallo co nome dos gañadores ás 18.30 h, ás 17.30 h hora portuguesa.

En total repartiranse máis de 2.650 euros en premios nas tres categorías participantes: infantil, ata 11 anos; xuvenil, de 12 a 17 anos; e persoas adultas. Os premios serán outorgados polo Concello de Tomiño, a Fundaçao Bienal de Arte de Cerveira e a Comunidade de Montes de Goián.

As bases completas poden consultarse na páxina web da Eurocidade Cerveira-Tomiño.