Animación baixo as estrelas: o Cine na Rúa triunfa un ano máis en Tomiño Durante o mes de agosto, o público familiar encheu as prazas tomiñesas para gozar dos mellores filmes de animación

Animación baixo as estrelas: o Cine na Rúa triunfa un ano máis en TomiñoO Cine na Rúa volveu brillar este verán en Tomiño. Grande acollida por parte de tomiñesas e tomiñeses desta actividade pensada para un público familiar que non quixo perder a oportunidade de gozar das mellores películas de animación ao aire libre. Durante catro noites máxicas, a Praza do Seixo de Tomiño e a Praza do Pintor Antonio Fernández de Goián convertéronse nun cine a ceo aberto no que cativada e maiores compartiron risas, emocións e aplausos baixo as estrelas.

A alcaldesa, Sandra González, destacou o éxito desta nova edición. “É un orgullo ver a gran resposta do público. O Cine na Rúa converteuse xa nunha cita imprescindible do verán tomiñés e ver ás familias desfrutando destas películas é sempre un verdadeiro pracer. Esta iniciativa non só promove o acceso á cultura, senón que enche de vida as nosas rúas e prazas, recuperando espazos públicos para a veciñanza”, resaltou.

Nesta edición a selección de películas proxectadas foi todo un acerto. O público puido desfrutar de ‘Os demos de barro’, un filme coproducido polo galego Xosé Zapata e participada pola TVG nominada aos Premios Goya á mellor película de animación e gañadora de dous Premios Sophia da Academia Portuguesa de Cine.

As e os espectadores gozaron tamén coas proxeccións da divertida historia de aventuras de ‘El gato con botas: el último deseo’, da acción de ‘Spider-Man cruzando el multiverso’ e do estoupido de cores de ‘Super Mario Bros. La película’, que fixo as delicias dos máis pequenos e pequenas e das e dos maiores que medraron xogando con este icónico personaxe.

A gran participación do público e a boa acollida de todas as proxeccións confirman o éxito un ano máis do Cine na Rúa. Por este motivo, o Concello xa está a traballar en futuras edicións con novas propostas para seguir enchendo as noites de verán de cine, cultura e boa compañía.