O Concello de Tomiño solicitará a Revista Viajar a retirada do artigo dos pobos máis feos e que se desculpe polo dano ocasionado

O Concello de Tomiño solicitará a Revista Viajar a retirada do artigo dos pobos máis feos e que se desculpe polo dano ocasionado A alcaldesa ven de enviar unha carta ao director da Revista Viajar esixindo a realización dunha nova reportaxe sobre Tomiño para resarcir a mala imaxe creada

A alcaldesa levará unha proposta ao pleno para que sexa un rexeitamento unánime da corporación municipal e no que se aprobe a adopción de medidas legais contra a Revista Viajar

 

O Concello de Tomiño manifesta o seu absoluto rexeitamento á inclusión do municipio nunha listaxe dos pobos máis feos de España, publicada recentemente pola Revista Viajar e baseada na opinión do sistema de intelixencia artificial ChatGPT. A alcaldesa, consciente da gravidade desta ofensa, ven de enviar unha carta ao director da revista solicitando a retirada inmediata do artigo publicado. Así mesmo, a alcaldesa insta a Revista Viajar a que resarza do dano creado na imaxe do concello coa publicación dese artigo.

Como parte das accións en resposta a esta publicación, a alcaldesa levará ao próximo pleno do dia 10 de setembro unha proposta de Alcaldía para que sexa aprobada por unanimidade de toda a Corporación municipal, amosando así a unidade e determinación de Tomiño na defensa da imaxe e valores do noso concello.

A proposta incluirá unha demanda formal á Revista Viajar para que envíe un equipo xornalístico ao municipio, co obxectivo de realizar unha reportaxe con rigor e seriedade, que reflicta fielmente a realidade de Tomiño. De non atenderse estas solicitudes, o Concello estudará a posibilidade de emprender accións legais para salvagardar o bo nome de Tomiño e da súa veciñanza, que traballa día a día para conservar o patrimonio natural, cultural, histórico e patrimonial do municipio.

Segundo a alcaldesa de Tomiño “non entendemos unha publicación dos pobos máis feos máis alá do puro interese sensacionalista, toda vez que non existen pobos feos. A Revista Viajar ten que saber o dano que está creando e imos facerlle chegar que Tomiño é moi fermoso e que estamos xuntos e xuntas na defensa da nosa dignidade como concello”.