30 Out O Mercado Municipal de Tomiño énchese de outono con cultura, música e sabor
Asociación de Praceiros e Praceiras e Concello preparan unha programación de balde do 7 ao 11 de novembro coa que dinamizar a praza de abastos e poñer en valor os produtos locais e de tempada
Tomiño prepárase para vivir o outono tamén no seu mercado. A Asociación de Praceiros e Praceiras do Mercado de Tomiño en colaboración co Concello xa ten lista unha nova programación para o vindeiro mes coa que achegar a praza de abastos e os seus postos ao público dun xeito diferente e dinámico. Cunha clara posta en valor dos produtos locais, de tempada e de calidade, do 7 ao 11 de novembro ofrecerán unha morea de actividades de balde abertas a todos os públicos coas que desfrutar da cultura, da música e do sabor.
As xornadas micolóxicas serán as protagonistas das primeiras actividades desta nova programación. O xoves 7 de novembro, o experto en micoloxía Carlos Manuel Araújo ofrecerá unha interesante charla ás 18.00 horas no primeiro andar do Mercado. Xa ao día seguinte, o venres 8, organizarase unha saída de campo guiada para a recollida de cogomelos que rematará cunha degustación de pinchos elaborados con cogomelos e engadindo os exemplares recollidos polos participantes á exposición do Mercado. A saída será ás 10.00 horas e estará limitada a 20 persoas, polo que é necesaria inscrición previa a través da web municipal.
O mesmo venres, xa pola tarde, o público porase mans á masa co obradoiro de conservas de outono impartido por Amparo Gradío, de Petiscos, no que o público aprenderá a facer conservas vexetais artesanais con produtos de tempada de forma amena e divertida. O curso, de balde, será de 17.00 a 19.00 horas e para participar será necesario inscribirse previamente.
O día 9 de novembro chegará ao primeiro andar do mercado os Sábados con sabor e música, unha xornada na que degustar os mellores produtos gastronómicos mentres se desfruta da música en directo. De 12.00 a 14.00 horas, o público poderá escoitar ao grupo tomiñés AcevedosDelgados en concerto, pop rock de versións e temas propios cos qeu amenizarán o ambiente mentres o público goza dunha degustación de pinchos con produtos de tempada a prezos reducidos.
Tania Alves, de O fogón do Mercado, pechará a programación de outono o luns 11 de novembro cun obradoiro de doces de cabaza no que as persoas poderán aprender como unha saída gustosa a un dos produtos da tempada. O taller será de balde de 11.00 a 13.30 horas e contará con prazas limitadas, polo que é imprescindible a inscrición previa a través do formulario habilitado na web municipal.
Durante os cinco días que duran as actividades, o Mercado de Tomiño acollerá de forma simultánea tres exposicións nas mesmas instalacións: unha mostra de mel e apicultura de Mulleres Abelleiras, unha de escultura con obras dos artistas Liliya Pobornikova e Nando Álvarez e unha de licores galegos de Pazo Valdomiño.
Asociación de Praceiros e Praceiras do Mercado e Concello animan a toda a veciñanza a participar nestas iniciativas coas que desfrutar e descubrir os tesouros que se agochan no mercado municipal.