A 3ª Festa dos Callos de Tomiño repartirá 3600 racións este domingo   A cita gastronómica, presentada este mediodía, é organizada polo TOMIÑO FC coa colaboración da asociación de comerciantes e do Concello de Tomiño

O Tomiño FC organiza o vindeiro domingo, 8 de marzo, a 3ª edición da Festa dos Callos, unha festa gastronómica nacida co fin de recadar fondos para o club, e á vez ampliar a oferta de actividades da axenda da vila.

Dado ´éxito obtido nos anos anteriores, a organización incrementará tanto os quilos de preparación, coma o número de racións. Así o manifestaron este mediodía, durante a presentación da festa, celebrada na Praza do Seixo, aproveitando a celebración do mercado ambulante dos mércores.

Tras a boa acollida das anteriores edicións, a festa segue a ser concibida coma  “unha forma de encher de vida e dinamizar a vila, ao tempo que se apoia ao deporte tomiñés”, segundo salientou a alcaldesa Sandra González durante a presentación, á que tamén asistiron os concelleiros de Deportes, Fran Campo,  e de Servizos Públicos, Lois Vázquez, así coma o presidente do club, Manuel Vila e outros membros da organización. Vila agradeceu o apoio de todas as entidades implicadas e amosouse satisfeito polo respaldo popular acadado e o feito de poder dar continuidade á cita gastronómica e mellorala cada ano.

Nesta liña, apuntou que esta 3ª edición conta coa colaboración do Concello de Tomiño e da empresa Coren; Comunidade de Montes VMC Barrantes; panaderías Manuel López, Camiño Novo, Parroquiñas, Currás, Tomipan e Flor y Nata; e firmas coma MRDixital, Día Tomiño e Quicelco, sumándose tamén a asociación de comerciantes (ADETO).

Unha novidade desta edición é que non haberá plásticos, polo que as racións para levar terán que ir en envases proporcionados polos clientes. Ademais, ADETO colabora entregando vales do 10% de desconto para as consumicións, a aqueles clientes que compran no comercio local durante estes días.

3600 racións

A organización espera repartir sobre 3.600 racións durante a festa, arredor de 1.440 quilos de callos, que poderán empezar a degustarse este domingo a partir das 10 da mañá.

En caso de que o tempo non acompañe, e para maior comodidade dos comensais, a organización habilitará unha carpa no centro de Tomiño, na rúa Daniel Calzado Poceiro, moi próxima á Praza do Seixo.

A festa terá prezos populares, dando á xente que se achegue, a posibilidade de comer os callos na propia carpa, ou ben, de compralos para levar. No primeiro caso o prezo será de 9 euros, incluído callos, pan, viño ou auga, e cazola e cunca conmemorativas de barro. As racións para levar, costarán 6 euros e incluirán o mesmo que as outras, menos cazola e cunca. Neste sentido, deberase traer un táper de casa.

Amenizará a festa a Treboada “Baixo Miño” e, se o tempo o permite, actuará ás 12 do mediodía, a Escola de Danza “Adeixa Dance School” de Vila Nova de Cerveira.