A Agrupación Deportiva Baixo Miño (Agrudebam) organiza unha proba de Campo a Través coa colaboración do Concello

vista_xeral

 

O sábado 22 de novembro celebrarase nas instalación de A Carballa en Tomiño, a proba de Campo a Través escolar correspondente á zona do Baixo Miño que xestiona a Agrupación Deportiva Baixo Miño.
Esta carreira forma parte do Programa XOGADE da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e a súa realización neste lugar é posible grazas á colaboración entre esta Secretaría Xeral, o Concello de Tomiño e a Comunidade de Montes de Tomiño.
Participarán alumnos e alumnas dos colexios CEIP N 1 , CEIP N 2, CEIP de Pazos de Reis, Colexio Maristas de Tui, CEP Altamira de Salceda de Caselas, CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal, CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián, CEIP de Sobrada, CEIP de Barrantes, CEP Pedro Caselles Beltrán e IES de Tomiño. Tamén os clubes de atletismo Porriño, Tui, Trega de A Guarda, así como os convidados Comesaña Sporting e At. Beade de Vigo.
En total hai inscritos perto de 400 participantes, nenos e nenas de idades comprendidas entre os 7 e os 14 anos, agrupados nas categorías Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete masculinos e femininos.
Os participantes disporán dunha merenda, na que se inclúe chocolate quente para recuperarse despois da carreira, e disporán do pavillón de deportes, no que se habilitarán mesas de tenis de mesa, así como pistas de bádminton para que poidan xogar.
A primeira das carreiras comezará ás 10:30 e a xornada prolongarase ata as 13:30, coa entrega de medallas e trofeos. Haberá medallas para os 10 primeiros clasificados de cada categoría e trofeos para os tres primeiros equipos.
Dende a Agrupación Deportiva Baixo Miño agradecen a colaboración da Secretaría Xeral, do Concello de Tomiño, da Comunidade de Montes, Supermercados Froiz e de “todas as persoas que nos axudan para que resulte unha xornada de esforzo e disfrute para os verdadeiros protagonistas: os nenos e nenas”.