A alcaldesa acompañou aos responsables de Educación da Xunta nunha visita aos colexios Pedro Caselles e Pintor Antonio Fernández A arquitecta Rosa Sóñora explicou as obras de eficiencia e aforro enerxético que se levarán a cabo nos centros escolares

A alcaldesa Sandra González acompañou esta mañá ao delegado territorial Luis López e ao xefe territorial de Educación, César Pérez Ares nunha visita aos colexios Pedro Caselles Beltrán e Pintor Antonio Fernández (Goián), para coñecer os detalles das obras de eficiencia e aforro enerxético que se levarán a cabo nos dous centros cofinanciadas polo Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE) e a Xunta de Galicia. Na visita tamén estiveron presentes o inspector de Educación da zona, Antonio Estévez; a concelleira de Educación de Tomiño, Cristina Martínez e a arquitecta xefe da Unidade Técnica de Educación, Rosa Sóñora Luna.

O delegado territorial, Luis López, anunciou actuacións, que agora se atopan en fase de licitación cun orzamento global de 513.000€, nunha visita aos colexios. “Imos seguir modernizando os centros de Tomiño, ao abeiro do Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica, co obxectivo de mellorar a confortabilidade e a eficiencia enerxética”, sinalou o delegado territorial. Un compromiso que asumiu a Xunta por petición da alcaldesa, tal e como recoñeceu durante a visita o xefe territorial de Educación.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vai renovar as envolventes dos colexios públicos Pedro Caselles e Pintor Antonio Fernández e a iluminación do CEIP Sobrada, no Concello de Tomiño, cun investimento de 513.000 euros.

O delegado territorial, Luis López, acompañado da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e do xefe territorial de Educación, César Pérez, informou desta triple actuación hoxe ao mediodía nunha visita aos centros e destacou o compromiso da Xunta “para telas rematadas canto antes, posiblemente a comezos do vindeiro ano, xa que se trata de dúas obras moi importantes para mellorar a confortabilidade do interior dos inmobles e a súa eficiencia enerxética”.

Neste senso, o representante autonómico indicou que o compromiso con estas melloras “é firme e está avanzado”, posto que xa se atopan en fase de licitación co obxectivo de proceder á súa adxudicación nas vindeiras semanas.

En canto ás actuacións que se realizarán nos colexios Pedro Caselles e Pintor Antonio Fernández, en Goián, consistirán na renovación integral das súas carpintarías exteriores coa dotación de novas envolventes, o cambio de fiestras e portas e a substitución dos sistemas de persiana. A primeira destas obras, a máis importante deste lote, suporá un investimento de 392.480 euros, mentres que no centro de Goián ascende a 66.295 euros

Finalmente, tamén vaise proceder á renovación da iluminación do CEIP Sobrada, onde se colocarán falsos teitos, novas luminarias, mandos de alumeado, sistemas de emerxencia e outras obras auxiliares. Estas nova actuación terá un investimento de máis de 54.681 euros.

“Imos seguir modernizando os colexios de Tomiño, ao abeiro das directrices do Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica, co obxectivo de dispoñer de mellores espazos, máis amplos, ventilados e versátiles e que ademais sexan máis agradables para as comunidades educativas e teñan un maior rendemento dende o punto de vista enerxético”, apostillou.

A alcaldesa, pola súa banda, respaldou as demandas pendentes dos directores dos centros escolares, entre as que se atopa a instalación dun ascensor no colexio Pedro Caselles, para facilitar a mobilidade dun alumno en cadeira de rodas.