A alcaldesa de Tomiño solicita á conselleira de Infraestruturas un técnico para informar á veciñanza sobre o 2º tramo da VAP A rexedora local agradeceu a Ethel Vázquez que o proxecto permita á veciñanza da zona acceder a través de varias glorietas e ramais

A alcaldesa de Tomiño solicitou á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que a Xunta envíe un técnico para explicar de forma máis ampla o proxecto do 2º tramo da VAP Tui- A Guarda e o proceso de alegacións, publicado hoxe no DOG. Asemade, agradeceu que o novo trazado do tramo presentado hoxe en Tomiño, permita á veciñanza do lugar acceder a través de varias rotondas, o que dota ao vial dunha boa conectividade co territorio.

A rexedora local mantivo hoxe no Concello, previa á presentación pública do proxecto, unha reunión de traballo coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, abordando o proxecto antes de presentalo publicamente, ante a corporación municipal, medios de comunicación, etc. Así mesmo, a alcaldesa comprometeuse a estudar o novo proxecto cos técnicos municipais para, en caso de ser necesario, presentar algunha alegación de cara á mellora do mesmo.

Trátase do inicio do proceso de información pública do proxecto de trazado do desdobramento da estrada PO-552 na recta de Figueiró, en Tomiño, que suporá un investimento autonómico de case 12 millóns de euros.

Ethel Vázquez informou que este proxecto pretende converter nunha autovía urbana o treito de 2,1 quilómetros da actual estrada autonómica PO-552 entre a glorieta de Goián –na que remata o treito da VAP actualmente en servizo- e o acceso ao núcleo de Estás. Por esta razón, estará sometido ás achegas dos interesados ata o vindeiro 14 de agosto, tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia. O obxectivo da Xunta é poder aprobar o trazado este ano para desenvolver a continuación o proxecto construtivo da actuación.

A conselleira remarcou que se trata da proposta de trazado que garante a viabilidade da actuación coa menor afección ambiental e social e maior accesibilidade, nun treito con case 15.000 vehículos ao día.

Trátase, detallou, do primeiro subtreito no que se dividiu o treito central da vía de altas prestacións coa finalidade de racionalizar o seu trazado e de minimizar o seu impacto territorial, tanto pola afección na ribeira do río Miño como a afección ás vivendas. O investimento previsto pola Xunta ascende a case 12 millóns de euros.

Contará con 2 carrís de circulación para cada sentido, con dúas calzadas separadas entre si e con acceso limitado para reforzar a seguridade viaria, habilitando pasos inferiores e camiños de servizo desde as propiedades lindantes.

Executaranse 3 glorietas para permitir os xiros en condicións de máxima seguridade: a glorieta de Goián, a de Figueiró e a de Estás e realizarase un ramal directo de incorporación desde a estrada autonómica PO-553, que vai desde Goián á fronteira portuguesa, ademais dun ramal directo de conexión co treito xa en servizo da Vía de Altas Prestacións.