A alcaldesa acompañou hoxe ao delegado territorial da Xunta a “Coplant” para coñecer unha ferramenta TIC de predicción de stocks creada con axuda autonómica Os mandatarios visitaron tamén o centro loxístico da empresa co seu xerente e coa presidenta da Asociación de Cultivadores do Baixo Miño, Mariví Álvarez

A alcaldesa de Tomiño visitou hoxe Coplant, empresa comercializadora de planta ornamental localizada en Goián, xunto ao delegado territorial da Xunta, Luis López, para coñecer unha ferramenta TIC de predicción de stocks creada con axuda autonómica.  Os mandatarios visitaron tamén o centro loxístico da empresa co seu xerente e coa presidenta da Asociación de Cultivadores do Baixo Miño, Mariví Álvarez.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, está a apoiar o desenvolvemento de proxectos piloto de ámbito agroforestal para a creación de novos produtos, prácticas e tecnoloxías en varias empresas da provincia de Pontevedra, entre as que figuran Bodegas Terras Gauda e Comercializadora de Plantas de Galicia, ambas emprazadas na bisbarra do Baixo Miño.

Estas achegas, impulsadas dende a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), pertencen a un plan trianual 2019-2021, polo que o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, realizou esta mañá unha dobre visita a ambas empresas para coñecer estes proxectos ao seu remate.

En primeiro lugar, o representante autonómico achegouse ata as instalacións da adega Terras Gauda no municipio do Rosal, onde foi recibido polo vicepresidente desta industria, Antón Fonseca, o tenente de alcalde Germán Rodríguez e outros directivos. Alí coñeceu a súa iniciativa de revalorización do bagazo para a obtención de vermicompost no marco dunha situación de economía circular no sector agroalimentario. Este proxecto piloto dispuxo dunha achega de 100.000 euros e contou, coma toda esta orde de axudas, co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

A continuación, Luis López desprazouse ata o Concello de Tomiño para supervisar, na compaña da alcaldesa, Sandra González, a ferramenta MS&Plants, un procedemento TIC baseado na intelixencia de mercado e orientado á predición de stocks futuros no sector das plantas ornamentais. O delegado territorial coñeceu tamén o centro loxístico desta empresa co seu director-xerente e presidente da Asociación Española de Comercializadores de Planta Ornamental, Emilio Estévez, e coa presidenta da Asociación de Cultivadores do Baixo Miño, Mariví Álvarez, que tamén é socia de Viveiros Río Tollo, ata onde se desprazou a continuación a comitiva para visitalo, posto que se trata do principal centro de produción da planta ornamental de toda a comunidade galega.

Ao igual que no caso anterior, a empresa Comercializadora de Plantas de Galicia recibíu unha axuda de 100.000 euros da Xunta de Galicia, en tres anualidades, para a execución desta iniciativa piloto.

As accións de innovación están moi presentes, e cada vez máis, no noso sector agrogandeiro, que é punteiro e líder e quere seguir na vangarda con novos produtos, prácticas e tecnoloxías. Por elo, a Consellería do Medio Rural, e tamén outros departamentos da Xunta, respaldan e colaboran con esta modernización en toda a provincia pero, especialmente, nunha zona cun forte peso dos sectores agroforestal e hortofruticultor como o Baixo Miño”, explicou o representante autonómico, que agradeceu a Bodegas Terras Gauda e a Comercializadora de Plantas de Galicia “a súa constante ilusión por mellorar, o seu talento e traballo para innovar e o seu compromiso coa nosa comunidade para seguir medrando e contribuíndo ao progreso do noso campo”.

A alcaldesa, pola súa banda, agradeceu a visita do delegado territorial, e expresou o seu desexo que o conselleiro de Medio Rural poida visitar pronto Tomiño e comprobar en persoa a importancia deste sector, e o lugar onde se construirá o futuro parque agroforestal.