A Alcaldesa visitou o centro de día de Tomiño acompañando ao Delegado da Xunta A alcaldesa lembroulle que o Concello vese obrigado a asumir 250.000 euros polo Centro de Día e as dúas escolas infantís, cando estes servizos non son de competencia municipal

No día de onte, o Delegado da Xunta, Agustín Reguero xunto co xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, realizaron unha visita ao centro de día de Tomiño, onde estiveron acompañados pola Alcaldesa, Sandra González, así como polos concelleiros Cristina Martínez e Rubén García.

Durante a visita, a Alcaldesa expresou a preocupación do Concello en relación ao pago desproporcionado que Tomiño realiza polos servizos de competencia non municipal xestionados a través do Consorcio Galego. Situación que afecta particularmente ao centro de día e as dúas escolas infantís da localidade.

A obriga que a Xunta de Galicia lle impón ao Concello de Tomiño de asumir o coste destes servizos, resulta nunha carga financeira que ascende a preto de 250.000 euros, segundo os orzamentos para o ano 2024. Sandra González subliñou que, mentres que a Xunta esixe o cofinanciamento por parte do concello (2500€/ano por usuario no centro de día e 900€/ano máis os gastos de mantemento nas escolas infantís), non se concede ningún tipo de decisión consorciada, limitando a capacidade do Concello para influir na xestión destes recursos tan esenciais.

A situación resulta especialmente gravosa para Tomiño, xa que este vese na obriga de asumir o coste das prazas daqueles usuarios que son veciños da localidade, mentres que, pola contra, os demais concellos da contorna que teñen veciños dos seus municipios como usuarios deste mesmo centro de día, non están obrigados ao cofinanciamento das súas prazas só polo feito de non contar coa devandita infraestructura.

Respecto as escolas infantís, a inxustiza tamén se reflicte no mantemento do copago aos concellos, a pesar da implantación da universalización da educación infantil 0-3 anos desde setembro de 2022, incluíndo as escolas privadas, o Concello de Tomiño, que conta con dúas escolas infantís públicas consorciadas, sofre o copago imposto pola Xunta.

A Alcaldesa instou ao Delegado a abordar todas estas cuestións para solucionar a inequidade orixinada e recalcou a importancia de que a Xunta asuma a totalidade dos costes daqueles servizos que son da súa exclusiva competencia.