A andaina do Alto da Pena bate marcas de participación, con 42 persoas de Cerveira e Tomiño A última ruta organizada pola Eurocidade para esta tempada será a Ruta das Fontes (23 de outubro), duns 15 Km. de percorrido e dificultade baixa

A andaina do Alto da Pena celebrada o pasado domingo foi todo un éxito de participación, con 42 persoas da zona fronteiriza (Cerveira e Tomiño especialmente) e as inscripcións pechadas. Unha andaina de aproximadamente 9 quilómetros de distancia, circular e de dificultade moderada, na que as persoas participantes poderon gozar das deslumbrantes paisaxes do Val do Miño e o seu esteiro. A ruta comezou na Capela da Nosa Señora Da Pena, en Loivo (Portugal) e chegou ata o punto máis alto de Vila Nova de Cerveira, o Alto da Pena, de 644 m de altitude.

Os Roteiros do Miño organizados pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, rematan o sábado 23 de outubro, coa Ruta das Fontes, unha andaina duns 15 Km. de percorrido, aproximadamente, circular e de baixa dificultade; interpretativa de carácter ambiental, baseada nun recurso natural tan importante e necesario como é a auga, para fomentar o seu uso responsable.

Camiñarase polo itinerario de tres comunidades de augas do Concello de Tomiño (Estás, Figueiró e Goián) para coñecer a súa problemática e observar in situ o método de captación, almacenamento, tratamento e distribución da auga.

Punto de encontro: campo de fútbol de Estás

Hora de saída: 09.30 horas (hora galega)

Dificultade: baixa

Duración aproximada: 4 horas

Para poder participar é preciso reservar praza enviando un correo electrónico a roteirosminho@gmail.com engadindo nome, data de nacemento, teléfono de contacto e enderezo electrónico.