A artista Gemma Marqués presentou o proxecto “Anónimas” no Mercado Municipal de Tomiño A acción pretende visibilizar e por en valor o papel das mulleres “correntes” que traballan de forma anónima por un mundo máis igualitario

Dentro da Axenda de Primavera do Concello de Tomiño, a artista guardesa Gemma Marqués presentou en Tomiño o seu libro “Anónimas” que da nome a unha exposición que acolle até o día 11 de marzo, o Mercado Municipal.

A presentación contou coa presenza da concelleira de Cultura, Cristina Martínez, e decenas de persoas no público. Gemma Marqués, acompañada por Lola Costas (responsable do texto) expuxeron unhas imaxes explicando “Anónimas, retratos de musas cotiás”: o seu “proxecto feminista, de visibilización das mulleres normais, as de todos os días”. Comentaron o nacemento da idea, materializada nos murais e no libro. “Esta é a segunda edición do libro e estamos moi contentas coa acollida”, apuntou a artista, que está a pintar nestes días, para celebrar o Dia da Muller 2019 un terceiro mural en Tomiño, “tamén colorista e optimista de cara ao futuro das mulleres no rural”.

“Anónimas é un proxecto que pretende poñer en valor o labor e esforzo diario familiar, laboral das mulleres e reivindicar a todas as nais, avoas, fillas, traballadoras con ou sen nómina, e loitadoras que viven no máis absoluto anonimato”; a súa labor, o seu esforzo diario coa familia e no traballo, non é recoñecido pola sociedade”, explicou Marqués.

Nos retratos de mulleres a artista enfatiza na mirada, “a potencia feminina reflíctese na maneira de ollar”.

O libro reúne unha serie de acuarelas orixinais inspiradas en mulleres “normais e correntes” da serie Anónimas. É unha especie de catálogo artístico, editado en idioma galego e castelán, con texto de Lola Costas.

A artista guardesa pintou xa en Tomiño dous murais alusivos ao tema coincidindo co día da muller; un primeiro, no muro exterior do Campo de Fútbol de Goián, e un segundo, nunha rúa do centro urbano do Seixo.