A artista plástica Doa Oa pinta un mural sobre a muller no Campo de fútbol do Alivio A acción forma parte da campaña Mulleres en Acción: Violencia Zero, promovida pola Deputación de Pontevedra

A artista plástica Doa Ocampo “Doa Oa” pinta esta semana un mural de 4m. no Campo do Alivio.

A acción forma parte da campaña Mulleres en Acción: Violencia Zero, promovida pola Deputación de Pontevedra, coa colaboración, neste caso, do Concello de Tomiño.

O mural, titulado “Xuntas sanamos”, é un homenaxe -segundo explica a autora- ás mulleres menciñeiras e sanadoras, que transmiten o seu  poder e coñecemento de xeración en xeración, e que foron duramente perseguidas no pasado. No traballo aparecen varias plantas medicinais, coma a ruda ou a belladona.

A artista Doa Oa naceu en Sober (Lugo) en 1986, aínda que reside en Ferreira de Pantón. É graduada en Belas Artes e técnica superior en fotografíae participou en múltiples proxectos nacionais e internacionais. É a primeira vez que traballa no Baixo Miño.

O acto central da campaña terá lugar o vindeiro martes 14 de maio ao mediodía, no campo de fútbol do Alivio, aínda que estaba programado inicialmente para mañá mércores.