A asociación de Comerciantes asina un convenio co Concello para renovar a súa páxina web Onte asinaron o acordo na Casa do Concello a alcaldesa e a presidenta de Adeto Tomiño

A Asociación de autónomos de comercio, hostalaría, industria e de centros comerciais abertos de Tomiño (ADETO), asinou onte un convenio de colaboración co Concello de Tomiño, que lle permitirá realizar unha remodelación integral da súa páxina web.

A axuda ascende a 2.758,80 euros que é o orzamento presentado pola empresa que levará a cabo a remodelación total da páxina web, converténdoa nunha páxina dinámica e acorde ás novas tecnoloxías.

Onte ao medio día, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, asinou coa nova presidenta de Adeto, Cintia Díaz, o correspondente convenio de colaboración, similar ao que en anos anteriores permitiu realizar cursos de formación (restauración, escaparatismo, informática, etc.) e mellora do comercio de proximidade.

O encontro foi aproveitado tamén para avaliar a situación do comercio local e as súas posibilidades de desenvolvemento nun entorno en permanente cambio desde a irrupción das ventas on-line.