A Banda de Música de Goián estrea unha nova composición do músico tomiñés Andrés Álvarez O concerto, no que se presentará o repertorio co que a agrupación participará no XII Certame Galego de Bandas, terá lugar no auditorio o vindeiro sábado ás oito da tarde

A Agrupación Musical de Goián presentará en concerto, o vindeiro sábado ás oito da tarde, no auditorio de Goián, o repertorio co que a banda participará no XII Certame Galego de Bandas, o vindeiro 3 de novembro, no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.

A nova creación do compositor goianés Andrés Álvarez, titulada “Beltane”, estrearase dentro deste concerto. A obra é un encargo da banda e do seu director, Pedro Villarroel, para interpretar como obra libre no Certame. Andrés Álvarez toma como fonte de inspiración “BELTANE”, unha das catro grandes festividades relixiosas do calendario Celta. “Esta celebración (que ten lugar o 1 de maio no hemisferio norte) conmemora o inicio da temporada pastoral de verán e festexa a renovación, a resurrección e o cambio de vida que inicia este período de cacerías, fertilidade, pastoreo, conquistas e guerras. O compositor bebe desta festividade e todo o que ela conleva para crear un novo mundo sonoro na súa obra”, explican desde a agrupación goianesa.

Andrés Álvarez, ademais vai participar como trompetista, tanto no concerto deste sábado, como no Certame Galego. Nel tamén se vai interpretar o pasodobre “Señorío de Rubiós” de Ángel Montes. Ambos os dous compositores estiveron traballando musicalmente as súas creacións coa Banda de Goián e o seu director.

Máis información: ASOCIACIÓN SOCIOCULTURAL DE GOIÁN | www.bandadegoian.gal



X