A campaña “Nadal + Nadal” do Concello de Tomiño impulsa o comercio local Premiáronse aos establecementos con 1.500 euros e repartíronse vales de compra por un total de 3.000 euros

A Campaña “Nadal + Nadal”, organizada polo Concello de Tomiño co obxectivo de fortalecer e impulsar o comercio local, concluíu con éxito unha nova edición neste 2023. 

Este ano, foron 34 as persoas que resultaron premiados con vales de compra que oscilan entre os 40 e os 150 euros. Ditos vales poderán ser canxeados nos diversos comercios de Tomiño, buscando así proporcionar un estímulo adicional para realizar compras nos negocios da localidade.

Ademais de incentivar as compras de Nadal, a campaña tamén buscou animar aos propios comerciantes a decorar os seus establecementos para estas datas festivas. Neste contexto, lanzouse o concurso “Ruta Nadal + Nadal”, que premiou a diferentes escaparates e comercios por un valor total de 1.500 euros, concedéndoselle 500 euros aos prrmiados no primeiro posto e 250 euros aos que obtiveron o segundo. Na categoría de mellor local, o primeiro premio foi para Reina Caracola e o segundo para Joyería Pazo; pola súa banda, os agraciados na modalidade a mellor escaparate foron Celdis Estipel e Limón y Fresa. Dende o Concello, quere facerse un agradecemento especial para Celdis Estipel, establecemento gañador do primeiro premio que donou o importe do mesmo para seguir sorteando máis vales de compra entre os clientes.

O correspondente sorteo para coñecer a todos os afortunados realizouse o pasado mércores, 27 de decembro, no Salón de Plenos municipal, da man dun xurado composto por dous representantes de Adeto, un representante do Concello e dúas artistas locais. Todos eles destacaron o alto nivel dos participantes e amosaron o seu agradecemento pola adicación e traballo realizados.

A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, tamén quixo expresar a súa satisfacción polo éxito da campaña, destacando a importancia de apoiar ao comercio local e fomentando así un ambiente máis festivo nas rúas de Tomiño. “Esta iniciativa non só fortalece á economía local, senón que da renda solta á creatividade e impulsa os lazos de comunidade entre a veciñanza e os comerciantes. Dende o Concello seguiremos apostando polo comercio local, xa que é unha parte indispensable para o desenvolvemento de Tomiño”.