A campaña Nadal + Nadal reparte premios entre a veciñanza e os establecementos de Tomiño Entregáronse 28 vales de compra por un valor total de 3.000 euros entre as persoas premiadas

Tamén se entregaron os premios a mellor escaparate e mellor local a La Reina Caracola e Confecciones Isabel

A campaña ‘Nadal + Nadal 2022. As túas compras de Nadal en Tomiño valen dobre’, organizada polo Concello de Tomiño para impulsar o comercio local repartiu vales de compra por un total de 3.000 euros. O pasado 27 de decembro o Salón de Plenos acolleu o sorteo destes vales que duplicaban o invertido polas e polos usuarios entre o 9 e o 27 de decembro. Bastaba con realizar un gasto mínimo de 20 euros en calquera dos establecementos adheridos á campaña para participar. Finalmente, foron 28 as persoas que resultaron premiadas con vales de compra que van desde os 50 ata os 200 euros e que poderán ser trocados nos comercios de Tomiño.

Na procura da dinamización do comercio local, a campaña buscaba tamén crear un ambiente agradable e atractivo nas rúas que animase á veciñanza a facer as súas compras sen saír de Tomiño. Con este obxectivo creouse tamén o concurso ‘Ruta Nadal + Nadal’ que premiaría a mellor decoración de escaparates e establecementos.

O xurado da presente edición, composto por 3 artistas do municipio, 2 representantes do comercio tomiñés e un voceiro do Concello, xa revelou o seu veredicto: na modalidade de mellor escaparate o 1º premio, dotado con 500 euros, foi outorgado a La Reina Caracola, mentres que o 2º premio, cun valor de 250 euros, levouno Parafarmacia Roma. En canto á modalidade de mellor local, o 1º premio, tamén de 500 euros, foi para Confecciones Isabel e o segundo, que ascendía a 250 euros, para Ro&Ro.

O xurado estivo dacordo en que as candidaturas que resultaron ganadoras foron as que reunían unha cualificación maior e máis equilibrada no conxunto dos criterios avaliados. Non obstante, gustaríalles salientar o gran nivel de moitas e moitos candidatos, polo que queren agradecerlles e todos e todas o seu gran traballo e dedicación, animándoos a participar de novo en vindeiras edicións.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, valora positivamente esta nova edición da campaña, pois “é evidente que a creatividade serve para apoiar ao noso comercio e animar ás tomiñesas e tomiñeses a mercar nas tendas dos seus veciños e veciñas”. Amais, a rexedora engade que dende o goberno local “seguiremos poñendo en marcha iniciativas co firme obxectivo de darlle pulo á economía local, pois é o presente e o futuro de Tomiño”.