Mamen Jiménez, La Psicomami, na IX Semana da Educación de Tomiño.

“A clave para falar de sexualidade cos nosos fillos e fillas é saber que non é como a adulta”

A psicóloga e sexóloga Mamen Jiménez puxo o broche de ouro á IX Semana da Educación cunha charla na que aprender a falar de sexo con nenos e nenas con humor e sen medo

Nin a borrasca Karlotta conseguiu apagar as gañas de seguir aprendendo. A psicóloga, sexóloga, terapeuta de parella e ilustradora Mamen Jímenez puxo este xoves o broche de ouro á IX Semana da Educación cunha charla na que recoller as claves para falar de sexo con nenos e nenas con humor e sen medo, un encontro co público no auditorio de Goián que tivo que celebrarse a través de videoconferencia a causa do mal tempo.

“Falar de sexualidade cos nosos nenos e nenas é fundamental e, non obstante, carecemos de calquera formación regulada. Por iso é tan importante contar con expertas como Mamen Jiménez que nos guíen neste camiño delicado”, salientou a alcaldesa, Sandra González. A rexedora aproveitou para agradecer “ás familias que nos acompañen cada ano e a toda a comunidade educativa o entusiasmo que poñedes na vosa profesión”.

Nunha charla amena, divertida e sen tabús a psicóloga ofreceu ao público as ferramentas para abordar cos pequenos e pequenas da casa a sexualidade tendo en conta cuestións claves. “É unha sexualidade non organizada, sen connotacións eróticas, exploratoria e na que todo o corpo é unha festa. Por iso, o primeiro paso á hora de abordar este tema con eles e elas é ter en conta que é unha sexualidade diferente á adulta”, resaltou.

A psicóloga fixo especial fincapé na importancia de tratar estas cuestións con naturalidade e dar a nenos e nenas ferramentas para ensinarlles a coñecerse e a respectarse a elas e eles mesmos e ás persoas que as e os rodean, empoderándoos e ensinándolles que o seu corpo é seu, sempre cun diálogo adaptado a súa idade, á súa etapa educativa e ao seu propio coñecemento.

Pero, por que ocuparse destes temas na casa? Para Mamen Jiménez a resposta é clara. Porque é un tema ineludible, “porque teñen curiosidade e necesitan respostas para establecer un marco de confianza que se extrapolará a todos os ámbitos; porque é a nosa responsabilidade, como coidalas e coidalos noutras esferas da súa vida; porque vai chegar a pubertade e se non o falas ti ten un cóctel de influencias ao alcance da man; porque a información é protección e porque así teremos persoas adultas máis saudables e felices coa súa sexualidade”.

De xeito directo e didáctico, Jiménez deu resposta ao top 3 das dúbidas máis habituais entre pais e nais, abordou un tema delicado como os abusos sexuais para tentar identificalos e previlos e ensinou pequenos tips para afrontar un tema que debe tratarse con naturalidade. “Temos que chamar ás cosas polo seu nome, animalas e animalos a coñecer o seu corpo con intimidade e a explicarlles que non pasa nada se se toca. Pero sempre dende o respecto e o cariño, sen ridiculizar, culpar ou censurar”.