A Comunidade de Montes de Pinzás abre as portas da súa aula de interpretación

A Comunidade de Montes de Pinzás abre as portas da súa aula de interpretación O alumnado de infantil gañador do concurso audiovisual da Semana do Medio Ambiente desfrutou o pasado xoves destas instalacións educativas

As persoas interesadas poderán visitala con solicitude previa

 

A CMVMC de Pinzás abre as portas da súa aula de interpretación, un espazo deseñado como ferramenta de divulgación, non solo para nenos e nenas dos centros de ensinanza, senón taménpara a poboación en xeral. O alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil do CEIP plurilingüe de Tebra e do CEIP Pintor Antonio Fernández, gañadores do concurso audiovisual da Semana do Medio Ambiente de Tomiño ‘Como mellorar a xestión do lixo no meu centro’, desfrutaron destas instalacións con actividades divertidas e en contacto coa natureza.

Durante toda a mañá, nenos e nenas tiveron a oportunidade de aprender, da man de persoal técnico do concello, todo o que se pode atopar nun monte, con valiosas leccións sobre a biodiversidade e a importancia da conservación do medio ambiente. Así, a cativada puido identificar distintas especies de árbores facendo un herbario, puxeron a proba a súa creatividade confeccionando adornos con troncos, aprenderon a identificar diferentes parellas de aves e coñeceron diferentes especies de insectos que puideron ver con lupa.

Nenos e nenas tamén puideron presenciar o paso das vacas da explotación da comunidade de montes e saber como funcionaba o sistema de xeolocalización implantado en cada unha delas para telas controladas, uns dispositivos GPS que trasladan alertas sobre a súa actividade e que axudan a detectar celos ou partos e a interpretar o estado sanitario dos animais. Os rapaces e rapazas comprobaron ademais o funcionamento da estación meteorolóxica situada nas instalacións.

Durante a visita, nenos e nenas foron acompañados pola Concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, que declarou que “é un luxo ter en Tomiño un proxecto como este” e agradeceu á Comunidade de Montes esta disposición para mostrar o seu traballo. Concelleira e persoal técnico volverá proximamente a estas instalacións co resto de alumnado gañador do concurso audiovisual da Semana do Medio Ambiente, rapazas e rapaces de 5º e 6º de primaria do CEIP de Tebra e de 4º da ESO do IES Antón Alonso Ríos.

A aula de interpretación da comunidade de montes de Pinzás está aberta ás visitas do público con solicitude previa. Trátase dun espazo interactivo con unidades didácticas sobre a contorna, a importancia do coidado do monte e do proxecto das ‘Vaquiñas de Pinzás’. Deste xeito, ao longo da visita, as persoas participantes poderán coñecer dende o papel das comunidades de montes veciñais en man común ou os usos tradicionais do monte en Galicia ata máis detalle da gandería extensiva, das razas autóctonas en perigo de extinción, das causas e consecuencias dos incendios forestais ou da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos asociados á presenza do gando no monte.