A Concellalía de Deportes pon a punto os campos de fútbol do municipio para a nova tempada A administración local aproveitou que as instalacións se atopaban pechadas pola pandemia para levar a cabo melloras en varios equipamentos deportivos

O Concello de Tomiño comezou nestes días obras de mellora no Campo de Fútbol do Regatiño de Goián, consistentes principalmente na substitución do céspede artificial, que conta xa con 15 anos de antigüidade, e na reposición de varios asentos das gradas, que se atopan deteriorados.

Ademais da instalación do novo céspede, de nova xeración, que ofrecerá unha maior resistencia ao desgaste, colocarase por debaixo unha capa amortiguadora de caucho que reducirá o impacto e prolongará a duración e a capacidade de uso do céspede, servindo tamén para reducir os custes de mantemento, unha cuestión importante tendo en conta o uso intensivo que soporta o campo, empregado por máis dun centenar de deportistas de todas as categorías do Goián F.C.

As obras, nas que se investirán máis de 205.000 euros, de fondos municipais procedentes de  remanente líquido de tesourería para gastos xerais, veñen a mellorar o equipamento deportivo municipal e dotar á poboación dun espazo de xogo en condicións idóneas para o seu uso.

Ao igual que no campo de fútbol do Regatiño, a administración municipal quixo aproveitar que as instalacións deportivas se atopaban pechadas para facer unha posta a punto doutros equipamentos. Así, a concellería de Deportes que dirixe Fran Campo Lago está rematando o acondicionamento do Campo de Fútbol do Alivio, no que as obras foron máis complexas, xa que consistiron no cambio de herba natural por artificial; construción de ramplas de acceso ás gradas e dun túnel de acceso aos vestiarios, etc. O investimento neste caso roldou os 350.000 euros, procedentes do Plan Concellos 2018/2019 da Deputación.

Tamén se acondicionaron as pistas de tenis e de pádel da Área deportiva do Mosteiro para poder desenvolver os campus de verán e se levou a cabo labores de mantemento no Campo de Fútbol da Carballa.