A Coral Polifónica e a BAM poñen a nota musical en Tomiño

A Coral Polifónica e a BAM poñen a nota musical en Tomiño Ao abeiro do Son das Prazas, ofrecerán un concerto este domingo 23 ás 20.00 horas no Seixo

A Coral Polifónica de Tomiño prepárase para sorprender esta fin de semana ao público cun novo concerto ao abeiro do programa O Son das Prazas, un ciclo musical co que se busca sacar a música dos espazos pechados para achegala á veciñanza nas rúas.

Este domingo 23 de xullo, a coral tomiñesa ofrecerá un concerto na Praza do Seixo acompañada pola Banda de Acordeóns Metropolitana de Torroso, de Mos, un espectáculo no que todas as persoas asistentes poderán gozar dun variado repertorio no que se inclúen dende cancións populares ata clásicas, así como algunhas pezas contemporáneas.

A coral tomiñesa comezou a súa andaina no ano 1997 da man de Teresa Clara Iglesias Ramilo e na actualidade está formada por 30 voces mixtas que teñen gañado o recoñecemento do público pola súa calidade e estilo único. Baixo a dirección de David González, a Coral Polifónica de Tomiño encherá ás 20.00 h a Praza do Seixo cunha actuación aberta a todos os públicos e con entrada libre.