Concello e Agrupación Musical de Goián asinaron un novo convenio de 25.000 euros para esta escola, que conta con 150 estudantes de todas as idades

A Escola de Música de Goián mantén o ritmo Concello e Agrupación Musical de Goián asinaron un novo convenio de 25.000 euros para esta escola, que conta con 150 estudantes de todas as idades

Dende o seu nacemento, a Escola permite achegar a educación musical á veciñanza dun xeito próximo e accesible

Tomiño soa a partituras, solfexo e melodías. Para manter e fomentar esta importante tradición musical, o Concello vén de asinar coa Agrupación Musical de Goián un convenio de colaboración para o financiamento da Escola de Música, un centro que acolle a máis de 150 alumnos e alumnas de todas as idades que cursan estudos oficiais que lles permiten dar o salto ao conservatorio.

“A Escola de Música é unha peza fundamental no desenvolvemento cultural e educativo do municipio. Abre as portas a todos aqueles tomiñeses e tomiñesas que se interesan pola educación musical e que a ven como unha posibilidade grazas a ter no seu propio concello de xeito próximo e accesible unha escola con todos os servizos e calidades”, destacou a alcaldesa, Sandra González, durante a sinatura do convenio coa presidenta da Agrupación Musical de Goián, Pilar Ramos.

O acto de sinatura celebrouse no salón de plenos do Concello nun encontro que contou tamén coa presenza do director da Agrupación Musical e das bandas de música, Pedro Villarroel, que cada ano realizan varios concertos de balde abertos á veciñanza. Como sinalou a rexedora, “este convenio representa o firme compromiso do Concello coa educación e a cultura. A música desempeña un papel crucial na vida cotiá en Tomiño, non só como forma de expresión artística, senón tamén como vínculo que une á veciñanza e enriquece as nosas vidas”.

Coa súa oferta formativa, a Escola de Música brinda oportunidades de desenvolvemento artístico individual ao tempo que fomenta o traballo en equipo e fortalece o tecido social tomiñés. Entre as especialidades que ofrece nestes intres atópase a de xardín musical, dirixida a nenos e nenas de 3 ou 4 anos para que sexan os protagonistas da súa primeira etapa musical; música e movemento, para cativada de 4 a 7 anos; linguaxe musical, clases de solfexo enfocadas á formación de músicas e músicos a partir dos 6 anos; música para adultos; corda; percusión; vento madeira; vento metal e as bandas infantil e xuvenil.

Cunha aposta decidida pola educación, o Concello renova este convenio que ademais de garantir a continuidade da Escola de Música e financiar a impartición de clases, garante a preparación do alumnado para a súa incorporación aos Conservatorios Profesionais de Música, as audicións trimestrais, a realización de concertos e actividades musicais, culturais e de lecer ou a organización do Campamento Musical no verán.