07 Xuñ A Escola de Teatro remata o curso enriba do escenario O grupo de cativos e mocidade interpretarán ‘A primavera da aldea e mamá gatiña’ este domingo 11 ás 19.30 h. Será de balde no auditorio de Goián
A Escola de Teatro de Tomiño remata o curso do mellor xeito posible, sobre o escenario. O grupo de cativos e cativas de 4 a 8 anos e os de 9 a 12 porase este domingo 11 de xuño diante do público para interpretar ‘A primavera da aldea e mamá gatiña’, unha obra na que o alumnado da escola municipal demostrará todo o aprendido ao longo destes meses de clases e ensaios.
A obra representarase no auditorio municipal de Goián ás 19.30 horas con entrada de balde e coa colaboración especial da Agrupación Musical de Goián, que dará apoio aos rapaces e rapazas durante todo o espectáculo.
A través da Escola de Teatro municipal, cativada e mocidade achéganse ao mundo teatral ao tempo que se estimulan as súas capacidades creativas, se fomenta o traballo en equipo ou se melloran os recursos comunicativos, entre outros aspectos. Ademais, combínase a expresión dramática coa creación, co ensaio e coa posta en escena desta obra final coa que deleitarán ao público este domingo.