
14 Xan 2019 Eu Rural arranca o ano cun curso de escaparatismo e paquetería comercial en Tomiño A actividade, enmarcada no programa "O ben feito, ben parece", impártese dende hoxe até o día 30 de xaneiro, na Casa da Cultura
A Escola Eu Rural comeza o 2019 cun novo curso de formación en Tomiño. Dende hoxe e até o 30 de xaneiro, a nosa vila acolle o “O ben feito, ben parece”, unha actividade formativa organizada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural (entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020), e que ten como obxectivo principal axudar a crecer e mellorar o comercio local, dando ferramentas a todas as persoas para mellorar as ventas dos negocios e facelos máis competitivos.
Centrado na comercialización de produtos, do sector primario e outros, este curso de 36 horas de duración, impártese na Casa da Cultura de Tomiño os días 14, 15 e 16, 21, 22 e 23 e 28, 29 e 30 de xaneiro, de 16.30 a 20.30 horas.
Destinado a persoas emprendedoras e comercios locais, así como a calquera persoa interesada, este curso ten coma fin servir de ferramenta para que o alumnado, adquira coñecementos vencellados ao escaparatismo, presentación do produto, paquetería comercial e visual merchandising. Ao longo da formación, as persoas adquirirán as habilidades necesarias para desenvolver o escaparate perfecto, tendo en conta os puntos de atracción visual e o tipo de decoración máis axeitada en cada negocio, para visibilizar os produtos e favorecer as compras.
Tomiño será o terceiro concello en acoller unha nova acción de ‘O ben feito ben parece’, que arrancou en A Guarda en maio e xuño de 2018 e que celebrou unha edición máis en Nigrán en setembro. Tras a vila tomiñesa será a quenda de Mos, que albergará este curso de escaparatismo do 6 ao 22 de maio de 2019.
Dentro da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa elaborada pola AD Galicia Suroeste Eurural, na que se estableceron as liñas de actuación da Medida Leader para o territorio do GDR 14, recóllese unha aposta pola formación como vehículo para mellorar a capacitación do capital humano da contorna. Por este motivo, cada ano destínase o 2,5% do orzamento anual da asociación á creación de itinerarios formativos para toda a poboación.