A Escola Municipal de Teatro de Tomiño presenta catro producións propias na mostra de fin de curso O sábado próximo ás 20.00h, actuará o Grupo Xuvenil, coa obra “TV Desastre” e ás 22.00h, farao o Grupo de Adultos con “O Balneario”, ambas representacións no auditorio goianés

Un ano máis, a Escola Municipal de Teatro de Tomiño, presenta a súa mostra de final de curso. Será esta fin de semana e a seguinte no auditorio de Goián e na Casa da Cultura.

O sábado ás 20.00 horas actuará o Grupo Xuvenil, coa obra “TV Desastre” e ás 22.00, farao o Grupo de Adultos con “O Balneario”, ambas representacións no auditorio goianés.

O domingo ás 20.00h será o Grupo Infantil quen presente “Os Ovos Misteriosos”. A continuación, o Grupo Infantil porá en escena outra peza teatral titulada “Tod@s somos diferentes”.

Por outra banda, o domingo 30 de xuño, a partir das 21.00h o Grupo de Adultos volverá a representar “O Balneario” pero esta vez na Casa da Cultura.

Dende hai varios anos as profesoras Alba Tamara e Beatriz Campos, do grupo Migallas Teatro, imparten as clases dos diferentes grupos de idade da Escola Municipal de Teatro de Tomiño, comezando nun primeiro momento o grupo infantil e creándose logo o xuvenil. O grupo de adultos comezou o ano pasado e fórmao unha ducia de participantes.

O Balneario é unha peza teatral cómica de creación colectiva feita a partir da obra “Un inimigo do pobo” de Henrik Ibsen. Con este texto como punto de partida o grupo de teatro de Tomiño fai unha proposta cómica moi divertida e para todos os públicos.

A historia transcorre a principios do século XX nunha vila singular  que ten un balneario con modernas terapias que curan tódolos males a base de litros e litros de auga. O Balneario é o motor económico e social deste lugar no que a vida transcorre placidamente ata que as cousas comezan a empeorar…

A peza do grupo xuvenil 2 “TV Desastre”, está baseada nunha crítica á televisión actual e feita a base de improvisacións. A obra do grupo xuvenil 1 (8 a 12 anos), “Tod@s somos diferentes”, trata sobre o acoso escolar, e está creada en base ás propias experiencias dos cativos e cativas, propoñendo ao mesmo tempo posibles solucións.

“Os ovos misteriosos”, obra interpretada polo grupo infantil, trata sobre os diferentes tipos de familia que existen na actualidade e sobre os vínculos de amor e tolerancia no seo familiar.

Os grupos infantil e xuvenil contan con medio centenar de estudantes. Os máis pequenos traballan cada ano sobre un fío condutor que neste curso foi o de pintores renacentistas. Rematan o curso a semana que vén coa busca dun tesouro e unha xornada de xogos populares.

 

 

Foto principal: ensaio grupo de adult@s.