A Eurocidade Cerveira-Tomiño continúa con éxito de participación os Roteiros do Miño Logo da Ruta dos Fortes celebrada onte, realizarase o sábado 4 de setembro unha nocturna: Do Cervo ao Niño do Corvo; seguida doutros catro percorridos por territorios transfronteirizos de valor patrimonial

A Eurocidade Cerveira-Tomiño continúa desenvolvendo con éxito de participación os Roteiros do Miño 2021, un dos proxectos gañadores do último Orzamento Participativo Transfronteirizo. O xoves 29 de agosto ás 9.30 horas, arrancaba cunhas 30 persoas, a 3ª saída programada:  a Andaina dos Fortes da Guerra da Restauração.

Visitáronse varias construcións fortificadas e outras xa desaparecidas acompañados por expertos que lles axudaron a “revivir” unha parte moi importante da historia da raia do Baixo Miño; percorridos que teñen como obxectivo dar a coñecer territorios transfronteirizos valiosos a nivel paisaxístico, cultural, patrimonial, ambiental e natural.

Quedan pendentes aínda cinco rutas de grande interese: Ruta nocturna do Cervo ao Niño do Corvo (4 de setembro. 23.30h. PT); Ruta do Vale das Donas (12 de setembro. 9h. PT); Ruta da Pedra Furada (26 de setembro. 9.30h GAL); Ruta do Alto da Pena (10 de outubro. 9h. PT) e Ruta das Fontes (23 de outubro. 9.30h. GAL).

Para poder participar en calquera destas rutas, é preciso reservar praza enviando un correo electrónico a: roteirosminho@gmail.com con estes datos: nome, data de nacemento, teléfono de contacto e correo electrónico.