A Eurocidade Cerveira-Tomiño prepárase para a Gladiator Race Junior Trátase dun evento deportivo para infancia e mocidade enmarcado no Orzamento Participativo Transfronteirizo

Será o vindeiro 20 de xullo de balde no Espazo Fortaleza de Goián. Prazas limitadas

A Eurocidade Cerveira-Tomiño prepárase para a Gladiator Race JuniorA rapazada tomiñense e cerveirense prepárase para superar calquera reto. A Eurocidade Cerveira-Tomiño organiza a Gladiator Race Junior, unha carreira de obstáculos deseñada para diferentes idades organizada ao abeiro do Orzamento Participativo Transfronteirizo, que busca a través dunha das súas liñas de actuación dinamizar máis alá das fronteiras actividades deportivas baseadas nos xogos tradicionais pero tamén nos deportes máis actuais.

Unha xornada pensada para que cativada e mocidade poidan desfrutar dun día en familia ou en compañía de amigos e amigas facendo deporte ao aire libre dun xeito divertido e orixinal. A cita será o vindeiro 20 de xullo pola mañá e de balde no Espazo Fortaleza de Goián, que se converterá no escenario dunha gran carreira de obstáculos en diferentes categorías en función da idade.

As persoas interesadas poderán participar de xeito individual na categoría Kids, para nenos e nenas de 3 a 6 anos, que deberán superar unha carreira de 500 metros con 12 obstáculos. Tamén de xeito individual competirán os Mini Kids, que acollerá a rapazada de 7 a 11 anos que percorrerán 1000 metros e salvarán 16 obstáculos. A categoría Junior, destinada a mozos e mozas de 12 a 20 anos, participará por equipos mixtos de 5 a 7 compoñentes que terán que enfrontarse a unha carreira de 2,5 km e 25 obstáculos e que deberán chegar como mínimo 5 todas e todos xuntos á liña de meta.

A Gladiator Junior Eurocidade Cerveira-Tomiño contará con prazas limitadas a 400 participantes que deberán inscribirse previamente para participar nunha actividade dinámica e inclusiva que promove o deporte entre as novas xeracións e fortalece os lazos entre infancia e mocidade transfronteiriza. Xa está aberto o prazo de inscrición a través da web da Gladiator Race.

Esta actividade enmárcase na operación 021_REDE_GOV MINHO, cofinanciada ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través de INTERREG V-A POCTEP.