A Eurocidade Cerveira-Tomiño priorizará os proxectos de medio ambiente e xuventude Contará cun investimento de 100 mil euros e mantén a súa aposta pola participación pública, o turismo e a produción e comercialización de plantas ornamentais

O Comité de Xestión Estratéxica da Eurocidade Cerveira-Tomiño aprobou un Plan de Actividades para 2022 cun investimento de 100 mil euros. As áreas de Medio Ambiente e Xuventude serán as prioridades dun ano cheo de proxectos que tamén potenciarán a participación pública, a xestión partillada de servizos locais e a dinamización de recursos estratéxicos do territorio. 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca que “este ano potenciaremos aínda máis unha cooperación transfronteiriza coa que gañamos todos e todas”, e engade que a xuventude será unha das nosas prioridades co obxectivo “de envolver e de comprometer aos máis mozos dos dous concellos cos valores e os principios da Europa democrática, incentivando á reflexión das cuestións máis importantes da cooperación entre territorios transfronteirizos e escoitando as súas opinións”.

O alcalde de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, tamén manifestou que o programa 2022 “fortalecerá as relacións transfronteirizas”, e espera que sexa tomado en consideración polos gobernos de Portugal, España e Galicia. “A cooperación transfronteiriza é unha porta aberta para o desenvolvemento dos nosos territorios, polo que unha das nosas apostas para 2022 será no medio ambiente, preservando e valorizando o gran patrimonio natural existente en ambos concellos, promovendo políticas de sostibilidade”, subliña o alcalde cerveirense.

Tomiño e Cerveira, concluído o proxecto  cofinanciado polo  Interreg V-A, pretenden intensificar e ampliar as liñas de actuación, por iso, este ano, o Plan de Actividades incorpora un forte compoñente ambiental coa elaboración do Programa  Cerveira-Tomiño Sustentábel e do proceso de Axenda Urbana en colaboración co RedLab. O obxectivo é comprometerse cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e os desafíos ambientais de integración social, mobilidade e  conectividade,  priorizados á escala europea para 2021-2027, nomeadamente a economía circular, a transición e a eficiencia enerxética, a promoción da economía local e a preservación do patrimonio natural.

Os Concellos tamén manterán a súa aposta pola participación pública, cunha axenda dinámica con varias accións centradas no impulso da implicación activa da sociedade, con especial énfase na reformulación do proceso de Orzamento Participativo Transfronteirizo para 2023, na Provedoria da Cidadanía Transfronteiriza e na revisión da axenda estratéxica deseñada en 2014, a través da súa adaptación á estratexia de desenvolvemento Europa 2030.

Ao longo de 2022, a Eurocidade Cerveira-Tomiño tamén se compromete a manter o intercambio de experiencias de servizos e de eventos, procurando  dinamizar a súa promoción co uso da Plataforma de Xestión de Servizos Partillados – Cerveira-Tomiño Online. Ao nivel de eventos, está prevista a realización do Simposio Internacional de Escultura do Río Miño, do Certame de Pintura Pintor Antonio Fernández e da divulgación conxunta das actividades das axendas culturais.

O turismo e a produción e comercialización de plantas  ornamentais – sectores con maior potencial de desenvolvemento conxunto, tamén serán potenciados, xa que a súa enorme contribución para o desenvolvemento económico fai deles sectores estratéxicos no futuro de ambos Concellos.