A Eurocidade Cerveira-Tomiño ten novas Valedoras Transfronteirizas A tomiñesa Ana Fernández Ordóñez e a cerveirense Manuela Ferreira xa traballan nun plan de acción para 2023

A Eurocidade Cerveira-Tomiño conta con dúas novas valedoras transfronteirizas, unha figura que ten como principais competencias recoller queixas e suxestións da veciñanza e remitir informes e recomendacións relativas ás relacións transfronteirizas.

A tomiñesa Ana Fernández Ordónez, licenciada en Xeografía e Historia na especialidade de Historia da Arte moderna e contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, é a nova Valedora da Cidadanía Transfronteiriza designada polo concello galego. Mentres, pola parte portuguesa designouse á cerveirense Manuela Ferreira, que traballou durante máis de 35 anos na Cooperativa Agrícola de Vila Nova de Cerveira, ademais de exercer diferentes responsabilidades a prol do desenvolvemento da comunidade local tanto na asemblea municipal como en diferentes entidades sociais.

Como recolle a Carta constitutiva da Valedora Transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño, aprobada en febreiro de 2017, e unha vez finalizado o mandato das anteriores valedoras, Zara Pousa e Mª Lurdes Cunha, debíase renovar a titularidade desta figura institucional promovida conxuntamente polos concellos de Tomiño e Cerveira co obxectivo de garantir a defensa e consecución dos dereitos e intereses particulares das persoas residentes en ambos os dous municipios como cidadáns europeos transfronteirizos.

A Carta recolle ademais que a Valedora deberá ser designada polos respectivos órganos municipais a proposta do Comité de Xestión Estratéxica Cerveira-Tomiño, constituído polo presidente da cámara municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, e pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González. O Consello fixo unha proposta conxunta a finais do pasado mes de outubro e os órganos de goberno municipais ratificaron a designación en novembro.

Ana Fernández Ordóñez impartiu clases no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño e foi Secretaria do Centro Goianés. Na actualidade é profesora de ensino secundario no CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal. A nova Valedora agarda proseguir co traballo ata agora realizado para “contribuír á eliminación de obstáculos que dificultan a vida transfronteiriza”. Con este obxectivo, reuniuse xa coa súa homónima portuguesa para traballar xuntas na definición das súas prioridades de actuación a partir de xaneiro de 2023.

A figura da Valedora da Cidadanía Transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño acadou especial relevancia tanto coa súa actuación sobre os obstáculos que dificultan a mobilidade transfronteiriza de menores en intercambios educativos ou de lecer como polas xestións realizadas durante o peche de fronteiras que se levou a cabo ao longo da pandemia.