A Eurocidade colabora no proxecto “As fronteiras do século XXI” da Universidade de Vigo A alcaldesa de Tomiño e o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira reuníronse co coordinador do proxecto para analizar o impacto da COVID-19 na situación transfronteiriza

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, reuníronse o pasado 11 de xullo co Dr. Enrique José Varela Álvarez, da Universidade de Vigo, coordinador do proxecto CONACYT “As fronteiras do século XXI: A reconfiguración e novas funcións das fronteiras do século XXI”.

No encontro, os responsábeis da Eurocidade Cerveira-Tomiño analizaron o impacto da COVID-19 na situación transfronteiriza a través da súa colaboración no proxecto, no que participan tamén investigadores da Arizona State University (Estados Unidos) e do Departamento de Estudos de Población do Colexio da Fronteira Norte (Nogales, México).

Sandra González e Rui Teixeira resaltaron o importante papel da Eurocidade na resposta aos efectos da pandemia e ás protestas contrarias ao peche das fronteiras, coordinadas eficazmente a través da AECT Rio Minho. Tamén lembraron que, fronte aos negativos efectos sociais e económicos sufridos, é necesario reforzar a cogobernanza e “garantir que os fondos europeos para a recuperación e a cooperación transfronteiriza cheguen directamente aos territorios da fronteira”.