A Eurocidade e o Consorcio de Bidasoa Txingudi comparten experiencias sobre cooperación transfronteiriza As sesións de traballo virtuais culminarán cun encontro institucional a finais de outubro

A cooperación entre territorios xoga un papel crucial como instrumento potenciador do desenvolvemento. Conscientes desta realidade, a Eurocidade Cerveira-Tomiño participa nun intercambio co Consorcio transfronteirizo de Bidasoa Txingudi, integrado polos municipios vascos de Hondarribia, Irun e Hendaye, este último no País Vasco francés.

Ambos territorios comparten agora a súa experiencia en colaboración transfronteiriza, especialmente no relacionado cos servizos e axendas compartidas, a gobernanza ou a dinamización de sectores relevantes para a economía local.

Ao longo do mes de setembro, responsables técnicos dos cinco municipios implicados comparten documentación e sesións virtuais para intercambiar experiencias e coñecementos. Así, o pasado 10 de setembro abordáronse aspectos relacionados coa mobilidade e a participación cidadá e o 16 intercambiáronse experiencias nos ámbitos da cultura, o turismo e o deporte. Nestas videoconferencias participaron tamén representantes da AECT Rio Minho presentando a Axenda estratéxica 2030 e o proxecto Visit Rio Minho.

A terceira sesión, adicada ao emprego e a colaboración empresarial, está prevista para o vindeiro día 24 coa presenza, entre outros axentes económicos, de acuBam (Asociación de Cultivos Baixo Miño) e a Axencia de Desenvolvemento do Bidasoa.

O intercambio realízase ao abeiro do Programa de Capacitación e Participación en Redes de Cooperación da Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, cofinanciado pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE, e busca o coñecemento doutras experiencias, innovacións e boas prácticas no ámbito europeo.

O proceso culminará no outono cun encontro institucional entre os alcaldes dos concellos participantes.