A EUROCIDADE INTERÉSASE POLA EXPERIENCIA DO CONCELLO DE ALLARIZ Cerveira e Tomiño coñecen de primeira man iniciativas medioambientais, de promoción turística e de apoio ao comercio local

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, visitaron Allariz onte, martes 15 de marzo, para interesarse por algúns dos proxectos que teñen convertido a vila ourensá nunha referencia de boa xestión municipal en toda Galicia.

Os responsables da Eurocidade foron recibidos pola alcaldesa alaricana, Cristina Cid, e outros integrantes da corporación na Casa do Concello, onde mantiveron unha reunión analizando iniciativas dirixidas á desestacionalización da oferta turística e a dinamización do comercio local.

Allariz é recoñecida, entre outras propostas, polas súas novidosas campañas de Nadal e Samaín ou por ter conseguido unha atractiva oferta comercial combinando comercio local con tendas outlet de coñecidas firmas de moda galegas.

Posteriormente, a delegación da Eurocidade, integrada tamén pola concelleira de Medio Ambiente de Tomiño (Ana Belén Casaleiro) e técnicos de ambos os dous concellos, visitou o Punto de Recollida e Recuperación de residuos ubicado no Polígono de Chorente.

Alí, Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente de Allariz, explicou o funcionamento e obxectivos deste servizo posto en funcionamento o pasado outono para  concienciar a cidadanía no aproveitamento dos recursos, evidenciando como se pode reciclar e dar unha segunda vida as cousas que desbotamos, máis alá da separación do lixo que se produce, tanto nas casas, como nos negocios.

A visita a Allariz encádrase no desenvolvemento do Plan de traballo 2022 da Eurocidade Cerveira-Tomiño no que os seus rexedores marcaron como unha das prioridades, na reunión do Consello de Xestión Estratéxica celebrado o pasado decembro, o impulso de iniciativas conxuntas no ámbito do desenvolvemento sustentábel.