A Federación Galega de Motonáutica imparte en Tomiño un novo curso aberto para obter ou renovar a licencia de navegación A acción formativa terá unha parte teórica e outra práctica, que se impartirán no Espazo Fortaleza de Goián e río Miño, contando cun pantalán e unha embarcación adaptada para as persoas con problemas de mobilidade

O vindeiro sábado, 1 de agosto, pola mañá, a Federación Galega de Motonáutica, impartirá coa colaboración da Concellería de Deportes de Tomiño, un novo curso para obter ou renovar a licencia de navegación.

Carlos Estévez, vocal da federación, e Marcos Casaleiro, colaborador, mantiveron este mediodía unha reunión co concelleiro de Deportes, Fran Campo, para ultimar os detalles da acción formativa teórico-práctica, que terá lugar na contorna do Espazo Fortaleza, de Goián, e no río Miño, utilizando para as prácticas o pantalán adaptado existente na zona.

Ata o momento hai unhas vinte persoas apuntadas, e mañá (30 de xullo) é o último día para inscribirse, podendo participar tamén persoas con dificultades de mobilidade, xa que se contará cunha embarcación adaptada.

O pasado día 4 de xullo, impartiuse outro curso das mesmas características en Goián, coa participación de 27 persoas.

Para máis información e inscricións, pódese enviar un correo electrónico ao enderezo info@fgmotonautica.org