A Feira de Cultivos regresa con forzas renovadas e ao aire libre

A Feira de Cultivos regresa con forzas renovadas e ao aire libre Tras ter que cancelar a cita de 2020 e tres anos de pandemia, o sector volverá darse cita na Praza Antonio Fernández de Goián

O encontro será do 5 ao 7 de maio

A Feira de Cultivos do Baixo Miño regresa a Tomiño despois dos tres anos de pandemia con forzas renovadas. Tras ter que cancelarse en marzo de 2020 pola COVID-19, a feira volve este ano para celebrar unha décimo oitava edición renovada e con moitas novidades no peto. Organizada de forma conxunta pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño e o Concello de Tomiño, a feira estrea este ano escenario ao aire libre, levando as principais novidades dos sectores da planta, froita, flor, horta e suministros á rúa.

Deste xeito, a XVIII Feira de Cultivos do Baixo Miño celebrarase do 5 ao 7 de maio na renovada Praza Pintor Antonio Fernández de Goián, “un espazo ao aire libre que brinda un ambiente acolledor e único para o público. “As necesidades e prioridades da sociedade van mudando, sobre todo despois de tres anos de pandemia. Por iso sabiamos que era o momento de repensar a feira, de evolucionar e ofrecer novas propostas e actividades que permitirán ás persoas participantes gozar dunha experiencia única e enriquecedora”, salienta a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, resaltou que “este ano estamos máis ilusionados e ilusionadas para poder retomar a celebración e reunirnos novamente nun ambiente festivo e produtivo. Temos moitas ganas de poder desfrutar dunha feira moito máis participativa, dinámica, aberta e lúdica para profesionais e veciñanza, unha feira na que reencontrarnos e na que tamén coñecer de primeira man os últimos avances e tendencias do sector agrícola da comarca”.

A nova edición da Feira de Cultivos contará con importantes novidades, como charlas e talleres, zona de expositores, un espazo destinado a tenda aberta ao público, exposicións ou un Mercado de Primavera que contará coa presenza de produtores e produtoras, artesáns e artesás e comerciantes. Durante tres días a feira ofrecerá un amplo programa de actividades sen renunciar á promoción comercial, coa organización dunha misión comercial inversa reforzada por outra adicional prevista para outono deste mesmo ano.