A historia de Elisa e Marcela chega a Tomiño este domingo da man da compañía teatral “A Panadaría” A sesión, que se fai coincidir co Día contra a violencia de Xénero, comezará ás 18.00h no Auditorio de Goián

Chega unha das citas máis agardadas da axenda cultural de outono: a obra teatral da compañía A Panadaría, “Elisa e Marcela”.

Este domingo, 25 de novembro, Día contra a violencia de Xénero, porase en escena no Auditorio de Goián (18.00h) esta singular peza teatral (coproducción co Centro Dramático Galego), na que se relata a historia, con pinceladas de humor, música e gran traballo de actrices, de dúas mulleres galegas namoradas a principios do século XX.

A obra céntrase na historia de ELISA Sánchez Loriga e MARCELA Gracia Ibeas, dúas mestras, que se casaron pola Igrexa en A Coruña no ano 1901. Para logralo, unha delas tivo que adoptar unha identidade masculina. A  unión matrimonial, homosexual, foi a primeira do Estado Español, realizándose cen anos antes de que a lei permitira o casamento entre persoas do mesmo sexo.

A cineasta Isabel Coixet realizou unha película sobre a historia destas dous mulleres galegas, que se estreará o ano que vén.

ESTE DOMINGO, 25 DE NOVEMBRO, DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, PODEREMOS GOZAR COA SÚA HISTORIA, levado ao teatro ÁS 18.00H, NO AUDITORIO DE GOIÁN. Prezo: 3€ (venda de entradas dende unha hora antes na taquilla).