A mocidade dá unha segunda vida á súa roupa cun novo obradoiro da OMIX de Tomiño

A mocidade dá unha segunda vida á súa roupa cun novo obradoiro da OMIX de Tomiño Aberto o prazo de inscrición deste taller de 4 h que se impartirá os venres 19 e 26 e maio no Espazo Mercado de Goián

Levar a sostibilidade a todos os eidos, incluído o do téxtil. Ese é o obxectivo do novo obradoiro da OMIX de Tomiño, un taller de catro horas de duración no que a mocidade poderá reducir a súa pegada de carbono a través da reutilización e reciclaxe de roupa.

O sector téxtil da moda é un dos máis contaminantes, polo que a través deste obradoiro práctico “facemos unha invitación a mozos e mozas a darlle unha segunda vida ás prendas que temos na casa”. Durante dúas xornadas, todas as e os participantes aprenderán diferentes técnicas de customización e deseño e redeseño dunha peza de roupa.

O obradoiro impartirase os venres 19 e 26 de maio de 19.00 a 21.00 horas no Espazo Mercado de Goián. O curso está destinado a mozos e mozas a partir dos 12 anos e terá un prezo de 10 euros por persoa. As rapazas e rapaces interesados en participar poden inscribirse xa na páxina web do Concello.