A mocidade europea, conectada a través da campaña “Time To Move” A OMIX de Tomiño realiza un vídeo no que a xuventude conta as súas experiencias nos programas de mobilidade europea

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño, coma membro da rede EURODESK e no marco da campaña europea “TIME TO MOVE”, está a traballar este mes de outubro nunha serie de actividades presenciais e en liña conectando a xente de toda a xeografía europea. Estas actividades están organizadas por persoas expertas pertencentes á rede EURODESK que brindan orientación sobre distintas actividades internacionais como voluntariado  presencial ou virtual, prácticas no extranxeiro, intercambios xuvenís, etc.

Como froito da súa participación na campaña, a OMIX realizou un vídeo con mocidade que, nalgún momento, estivo en contacto coa oficina por mor da participación nalgún dos programas europeos de mobilidade, onde contan a súas experiencias no proxecto. Nel participan rapaces e rapazas daquí, doutras partes do Estado como Ceuta ou Gran Canaria e tamén de países como Portugal, Estonia, Rumanía ou Alemaña. O vídeo pode verse en Youtube a través da seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=pcFJQs4vf4s

Ademais, a OMIX puxo en marcha un concurso na rede social Instagram no que calquera mozo ou moza pode compartir unha foto de si mesmo/a nalgún lugar de Europa cos hashtags #MocidadeTomiñesaPorEuropa, #ttm e #EuEnEuropa etiquetando a @omixtomino e enviándolles por mensaxe directa unha captura de pantalla. Entre todas as persoas que envíen unha foto sortearase un lote de regalos entre os que figuran un exemplar do libro Claro de Lúa, adicado pola súa autora, Puri Ameixede, profesora do IES de Tomiño.

As actividades levaranse a cabo durante todo o mes de outubro, polo que en moitas delas aínda está aberto o prazo de inscrición a través da seguinte ligazón: https://timetomove.eurodesk.eu/es/#about