A mocidade tomiñesa aposta polo medio ambiente O Consello da infancia e adolescencia Voces Novas participa no encontro galego anual do que sairán as propostas que se levarán ao Parlamento no mes de novembro

O Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas de Tomiño, participa esta fin de semana no encontro galego que celebran anualmente as 10 Cidades Amigas da Infancia recoñecidas por Unicef en Galicia.

O devandito encontro será de carácter online e contará coa presenza do Director Xeral de Xuventude, así como dos concelleiros e concelleiras de Participación Infantil e Mocidade dos concellos participantes.

A protección do medio ambiente é o tema de reflexión deste ano e sobre o que versarán as propostas que se trasladarán ao Parlamento Galego no Foro de Participación Infantil que se celebrará o 16 de novembro para conmemorar o Día Internacional da Infancia.

No caso de Voces Novas, representarán a Tomiño no parlamento Irene, Xoel, Javi, Natalia e Laura, que para ir compenetrándose co tema, participaron nunha xornada de recolección de lixo.