18 Abr A mocidade tomiñesa apúntase aos bailes de serán A OMIX de Tomiño organiza un obradoiro no que aprender as primeiras nocións do baile popular galego
A mocidade tomiñesa lánzase a bailar. A OMIX de Tomiño quenta motores para celebrar o seu obradoiro de bailes de serán, unha actividade na que a rapazada poderá aprender de forma divertida os catros principios básicos do baile popular (parellas, guía, música e repetición), as estruturas tradicionais e as súas posibles combinacións, as diferentes partes da música e a conexión co baile ou a creación de pasos como linguaxe grupal e diálogo.
Será unha formación de dúas xornadas de catro horas de duración cada unha impartidas por André Adrio, moi vinculado ao baile tradicional galego dende moi neno e con formación noutros estilos como a danza contemporánea, clásica e flamenco, así como en diferentes maneiras de comunicación a través do movemento.
As clases impartiranse serán os sábado 4 e 11 de maio de 10.00 a 14.00 horas no auditorio municipal de Goián. O curso terá un prezo de 15 euros por persoa e todas as e os interesados en participar poden inscribirse xa a través da web municipal.