Javier Jurado na IX Semana da Educación de Tomiño

“A música serve para construír persoas” Javier Jurado desvelou o valor real que se lle debe dar á música na segunda xornada da IX Semana da Educación de Tomiño

Javier Jurado na IX Semana da Educación de TomiñoA música foi o pano de fondo no segundo día da IX Semana da Educación de Tomiño, unha xornada na que o musicólogo, docente e investigador Javier Jurado fixo un percorrido pola presenza desta materia ao longo de todos os niveis educativos e puxo en valor con teoría e práctica todas as súas bondades.

Como explicou durante a presentación a alcaldesa, Sandra González, “achegámonos a unha ferramenta que é capaz de mellorar a aprendizaxe e a vida das persoas. En Tomiño temos o luxo de contar cunha gran Escola de Músca e a presenza de Javier Jurado aquí ratifica o acertado desa aposta decidida pola música dende o Concello, algo que é vital para contribuír a mellorar a vida da infancia e adolescencia, pero tamén de toda a veciñanza tomiñesa”.

Javier Jurado quixo ofrecer ao público o amplo abano de achegas positivas que ten para a sociedade a música, “unha disciplina capaz de activar todo o cerebro, non só como porta de acceso á arte. Permite desenvolver o pensamento transversal e crear nenos, nenas, adolescentes máis empáticos, pacientes e mesmo organizados. A música serve para construír persoas”.

O musicólogo salientou as diferenzas con outros países de Europa no que a música ten unha maior presenza dende cedo na vida de nenos e nenas e salientou a importancia de poñer en valor unha materia que acompaña á rapazada durante toda a súa vida escolar, “polo que sen dúbida inflúe no seu desenvolvemento integral”.

“A música permite que o cerebro funcione dun xeito global, realizando unha sorte de adestramento que permite que moitas neuronas sobrevivan cando chega a adolescencia, un momento crucial na vida de nenos e nenas”, resaltou. Pero para conseguir todas as vantaxes que achega, Jurado resaltou que “a música é unha linguaxe e, como tal, hai que exercitalo”.

Catedrático de Historia da Música no Conservatorio Superior de Música, onde desempeña o cargo de director do Mestrado en Creación, Interpretación e Investigación Musical, Javier Jurado ten impartido clases de música en diferentes niveis educativos, dende educación infantil ata universitaria, pasando por primaria, ESO ou bacharelato. Colaborador da Universidade Internacional de Valencia e director de teses na Universidade Politécnica de Valencia, o musicólogo desenvolve liñas de investigación sobre temáticas diversas, como a zarzuela en Galicia e a obra de compositores galegos como José Fernández Vide, Ángel Rodulfo, Bernardo del Río ou Reveriano Soutullo.

Licenciado en Historia e Ciencias da Música e titulado superior en Frauta traveseira, Jurado tamén é doutor en Didácticas Específicas pola Universidade da Coruña e doutor en Humanidades pola da Rioxa. Ademais, compaxina o seu traballo co de director de Dos Acordes, unha empresa dedicada á preparación de oposicións docentes dende hai máis de 30 anos e outros servizos musicais, como o de editorial, discográfica ou produtora cultural.

Javier Jurado na IX Semana da Educación de Tomiño